Neste post presentámosvos a nosa proposta didáctica para traballar nas aulas de Educación Infantil o álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais”. Como xa puidestes ler, as motivacións que nos levaron a traballar esta obra foron as posibilidades que nos brindaba para poder facer un achegamento ás diferentes obras pictóricas de grandes artistas, dun xeito ameno e favorecedor da capacidade de expresión dos sentimentos estéticos.
Os principais obxectivos que se pretenden acadar mediante a realización desta proposta de actividades son:
- Apreciar as diferentes manifestacións artísticas.
- Fomentar a curiosidade dos nenos e nenas polas diferentes formas de expresión, principalmente pola artística.
- Coñecer diferentes obras ao longo da historia da arte.
- Empregar e valorar o debuxo como medio de expresión.
- Desenvolver a sensibilidade estética.
- Coñecer e apreciar o retrato como forma de expresión plástica.
- Comprender a importancia do retrato na antigüidade, antes da existencia das cámaras fotográficas.
No tocante á proposta de actividades que dende aquí queremos compartir, está formulada para ser levada a cabo nunha aula de 5 anos de Educación Infantil, ao longo de seis sesións, das cales unha será posta en práctica no exterior do centro escolar. No referente ás formas de agrupación do alumnado durante as diferentes actividades esta será variable, polo que consideramos mellor especificala no momento no que se está a explicar cada unha delas, pero aclarando xa dende aquí que pretendemos promover en todas e cada unha delas o traballo colaborador entre o alumnado como elemento socializador e do desenvolvemento dunha actitude democrática deste cara os seus iguais.
As sesións de traballo formuladas son as que se presentan a continuación:
- Primeira sesión.- Nesta xornada introdutoria da temática reunirase a todo o alumnado da clase nunha asemblea entorno á cal o mestre ou mestra lles lerá o texto da obra, á par que lles ensina as ilustracións que nela aparecen reflectidas. Despois deste primeiro achegamento faráselles un cuestionario sobre diversos aspectos que puideron observar na obra e, para o cal, algunhas das preguntas que se poden empregar son:
- Gustouvos o libro?
- Que ilustración vos chamou máis a atención e por que?
- Como credes que fixeron esas ilustracións?
- Que sentiches ao ver cada unha das ilustracións?
- Etc.
Despois do cuestionario daráselle ao alumnado unha noción básica do que son os retratos e a importancia que tiñan estes na antigüidade antes de que se inventaran as cámaras fotográficas; ensinándolles tamén os cadros orixinais que inspiraron ao autor para facer as ilustracións do libro.
- Segunda e terceira sesión.- Durante estas sesións intentarase recrear na aula o efecto conseguido coa obra seleccionada, e para o cal pediráselle axuda aos pais e nais do alumnado para aportar diferentes fotografías da súa familia.
- Cuarta sesión.- Xornada na que se dividirá ao alumnado por parellas, xuntando ao neno ou nena desemparellado con outro grupo de traballo, para logo facilitarlles papeis en branco e diferentes materiais de debuxo como lapis de cores, témperas, rotuladores, carbón, etc., cos que cada un e cada unha elaborará un retrato dos seus compañeiros de grupo; promovendo dese xeito que coñezan as propiedades dos diferentes materiais plásticos ao mesmo tempo que aprenden e interiorizan o esquema corporal do ser humano mediante a observación directa e a súa proxección nun suporte físico coa que mellorarán a súa motricidade fina.
- Quinta sesión.- Sesión de traballo na que se lle propoñerá ao alumnado a realización dunha actividade con sombras chinesas na que se empregarán as luces e as sombras como material primordial; un material que sempre adoita motivar e fascinar a partes iguais ao alumnado de tan curta idade.
Para a súa posta en práctica dividirase aos compoñentes da clase en grupos de cinco persoas do seguinte xeito: un dos compoñentes manexará un foco, outro fará de modelo, outros dous suxeitarán un papel de gran formato colocado cara a parede e o restante será o encargado de debuxar; papeis que irán rotando para que todos e todas poidan experimentar as diferentes tarefas.
En cando ao seu desenvolvemento este será moi sinxelo, o encargado do foco soamente terá que apuntar coa luz ao modelo, facendo que a súa sombra se proxecte no papel, lugar onde o debuxante terá que marca o perfil deste modelo.
- Sexta sesión.- Derradeiro día de traballo, unha xornada na que se fará unha saída ao museo de arte máis próximo (previa autorización de asistencia do alumnado por parte dos seus pais e nais). Durante esta visita formaranse un número de grupos de traballo acorde co número de docentes que participen na saída escolar, deste xeito os mestres e mestras participantes guiarán ao alumnado polo interior do museo coa finalidade de que sexan estes e estas quen atopen entre as diversas obras que se atopan expostas aquelas que se caractericen por ser retratos de persoas.
Como actividade para a avaliación do proxecto poderíamos empregar a saída ao museo, posto que dende a chegada ao mesmo lles indicaríamos que foran buscando os diferentes retratos que nel se poidan atopar, valorando deste xeito a correcta integración do concepto de retrato e do seu recoñecemento na súa realidade próxima. Así mesmo, a avaliación da presente proposta será global, continua e formativa, centrándonos non soamente na valoración dos resultados finais, senón que se primará todo o proceso seguido durante o desenvolvemento da mesma.
Esta proposta didáctica resultaría moi interesante para traballar nas aulas de Educación Infantil posto que con ela o alumnado estaría desenvolvendo diferentes capacidades a partires das diversas actividades; unhas actividades que consideramos que son moi motivadoras e entre as que se poden atopar a das collaxes, o traballo con sombras chinesas, etc., que servirán para que o alumnado adquira un alto grao de desenvolvemento da súa sensibilidade estética, conseguindo dese xeito que poidan apreciar mellor a beleza de tódolos elementos presentes no contorno que os rodea durante os seus quefaceres diarios.
Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura
No hay comentarios:
Publicar un comentario