domingo, 27 de abril de 2014

Charla "A luz e a sombra da palabra. De oralidade e lectura" por Xabier P.Docampo


O pasado 10 de abril, asistimos á conferencia de Xabier P. Docampo na nosa Facultade, baixo o título "A luz e a sombra da palabra. De oralidade e lectura".

Xabier P. Docampo como ben explicaron algunhas das nosas compañeiras, é un mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. É autor de libros de texto, numerosas obras de literatura infantil e xuvenil e ensaios. Tamén escribiu e dirixiu obras para vídeo e televisión. Pertenceu aos consellos de redacción da Revista Galega de Educación e da revista de literatura infantil e xuvenil "Fadamorgana", e participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX). Recibiu os premios "Feira do Libro de A Coruña" (1989), "Emilia Pardo Bazán" (Ministerio de Educación), "Rañolas" (1994), "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil" (1995), "Honouri List IBBY" (1996), "The White Ravens" (1997, 2005), "Lecturas (GALIX, 2004), "Irmandade do Libro" (2009).

Despois dun breve percorrido pola traxectoria de Docampo, falaremos  sobre a charla que se centrou na oralidade como a raíz da literatura.  Como puidemos ver, para Docampo, a palabra é por esencia oral, e, o mesmo tempo, é a esencia da literatura. Por iso, para el a literatura ten unha profunda vocación de oralidade. Ler, é polo tanto, contarse unha historia. 

Tamén falou que deberíamos pararnos a reflexionar sobre que é a lectura e porqué queremos que os nenos e nenas lean, como futuros docentes, posto que non é o mesmo que consideremos a lectura como actividade para o ocio ou para a adquisición de coñecementos que o fagamos téndoa como unha actividade dende un punto de vista didáctico servindo así para crear lectores literarios.

Baixo o noso punto de vista, esta charla foi de gran  interese, posto que nos acercou a importancia que tivo e ten a día de hoxe a oralidade.
Durante a charla, fíxose tamén fincapé nas historias e contos que os nosos maiores nos contaban cando eramos cativos. Falando entre as distintas compoñentes do noso grupo coincidimos nalgunha delas que tamén queremos compartir con vos. Unha foi a lenda da “Cova da serpe”, tamén "Pulgarciño", “Caperuchiña vermella” e a “Cigarra e a Formiga”, entre moitas outras. Pero non só rememoramos contos ou lendas, senón relatos que falaban dende "adentro" dende a propia experiencia e os máis profundos dos sentementos, máxicas e encantadoras historias que as diferentes compoñentes do grupo gardamos con mais aínco polo que para nós significaron neses momentos e agora mesmo. Algunhas delas eran sobre as súas experiencias vividas cando eran cativos (épocas díficiles durante a guerra), como xogaban antes (os monecos de millo, como exemplo), os seus enamoramentos (cando coñeceron os seus respectivos mozos e mozas, as bodas...),  o duro traballo no campo, como era a vida no colexio (as monxas, os castigos...). En definitiva, infinitas historias que nós persoalmente gardamos con moito cariño e añoranza.

Como reflexión final, sobre o tema que se tratou durante a charla, pensamos que como futuras docentes non debemos de esquecer o privilexio que a nosa profesión brinda para tratar de formar non só bos lectores/escritores senón tamén bos oíntes/falantes, por iso, debemos facer uso dos contos, relatos, historias que son enormes recursos posto que axudan ao alumnado a construír sólidas estruturas dentro da fantasía, a reforzala capacidade de imaxinación e creatividade, a amplialo mundo da experiencia infantil. Son, polo tanto, peza clave no elemento formativo do carácter, a personalidade e a forma de vida.


Díaz Rodríguez, Laura
Fernández Regueiro, Carmen
Lamas Ogaza, Antía