En canto ao tema a tratar neste post, no que faremos unha análise do álbum ilustrado escollido "O gran libro dos retratos de animais", cremos conveniente facer unha pequena introdución explicando brevemente o que se entende por álbum ilustrado. Segundo as palabras da autora Teresa Durán, emprégase dito termo na linguaxe coloquial como sinónimo de libro ilustrado (cabe destacar que non é o mesmo un álbum ilustrado que un libro ilustrado). Enténdese por álbum aquel libro no que o factor comunicativo provén directamente da imaxe e sobre todo da secuenciación entre elas. A historia narrada, fala só a través da linguaxe visual, na que as ilustracións actúan como aliadas da palabra.
Consideramos pertinente ter en conta a definición que fai a autora citada anteriormente en canto aos imaxinarios, xa que cremos que a nosa obra se encontra a cabalo entre un álbum ilustrado e un imaxinario. Estes son un tipo de libros nos que prima a función recoñecedora, conformados por sinxelas imaxes de animais, xoguetes ou persoas que destacan sobre un fondo neutro. Ditas formas non teñen relación entre si, de xeito que a orde das páxinas que conforman a obra, non altera o produto.
Antes de comezar coa análise crítica da obra, aportamos a continuación os seus datos fundamentais:
AUTOR/ILUSTRADOR: Svjetlan Junaković
TRADUCTOR: Antón Fortes
EDITORIAL: OQO Editora
ANO: Outubro 2006
ISBN: 978-8496573802
No Gran libro dos retratos de animais, o autor pon nas mans do lector que se somerxa nesta obra, unha auténtica galería de arte, na que os animais encarnados en grandes personaxes da historia, cobran un especial protagonismo.
En canto á finalidade do texto de dita obra, remítese sinxelamente a acompañar aos retratos, actuando a modo de adiviñanza, na que o autor facilita información sobre o artista, personaxe retratada ou época na que se realizou o retrato orixinal (entre outro tipo de información), coa intención de que o lector sexa quen de identificar e relacionar o retrato realizado polo ilustrador Svjetlan Junaković co seu orixinal. Dado o grao de complexidade que acada a presente obra, e tendo en conta o nivel educativo ao que nos diriximos como futuros docentes de Educación Infantil, pode ser que se teña a equivocada idea de que o Gran libro dos retratos de animais non sexa unha obra axeitada para traballar cos máis pequenos e pequenas. Pero nós imos máis alá, xa que este álbum ilustrado convida aos nenos e nenas á exploración e a coñecer parte dos grandes da historia da arte, o descubrimento dos retratos e a súa finalidade, gozar de ilustracións pouco convencionais de animais...
En canto as imaxes que compoñen este álbum ilustrado, trátanse dunhas logradas reproducións nas que Svjetlan Junaković enmascara a grandes personaxes da historia trala forma de recoñecidos animais. Entre elas non existe relación, senón que se presentan cadros famosos que reproducen dende o estilo Gótico de Jan Van Eyck, pasando polo Barroco de Johannes Vermeer ata incluso chegar ao Neoclasicismo da man de Jean Auguste Dominique Ingres.
Como se pode observar, a imaxe da dereita “Babuíno” é a
reprodución que o ilustrador do álbum fai a partir da obra de Jan Van Eyck,
titulada “O home do turbante vermello” (imaxe da esquerda), que data do 1433 e
pertence ao movemento artístico Gótico.
No caso da imaxe da dereita, que o autor nomea como “A ovella”, reproduce a recoñecida obra Barroca de Johannes Vermeer (esquerda), “A moza da perla” (1667).
Outro exemplo é o que nos atopamos aquí arriba. A imaxe da dereita, que Svjetlan Junaković titulada “Hipopótamo”, reproduce (imaxe da esquerda) o singular cadro neoclasicista no que Jean Auguste Dominique retrata á “Bañista de Valpincon” (1807).
Todos estes, son exemplos que nos podemos atopar dentro do álbum “Gran libro dos retratos de animais”. A técnica empregada, ó tratarse de reproducións, son as mesmas que os autores orixinais empregaron para a realización das súas obras, a que máis prima é o óleo sobre lenzo.
Pensamos que é moi arriscada e novidosa a obra realizada polo ilustrador Svjetlan Junakovic neste álbum, e máis novidoso o público ao que vai dirixido, xa que son todos retratos e a estética parece un pouco lúgubre e canto menos colorista, pero os nenos e nenas son quen de gozar deste tipo de ilustracións.
Con todo o exposto, consideramos que o devandito álbum ilustrado posúe unhas características excepcionais en canto a creatividade, pola exquisita reprodución e imaxinación de encarnar coñecidas personaxes en animais (incluso chegando ao ton satírico) dun xeito coidadoso e harmonioso. É un excelente material para traballar na aula e incentivar os sentimentos estéticos dos máis pequenos.
Bibliografía
Durán, Teresa (1989). “Del abecedario al álbum ilustrado”. CLIJ 5: 19-25.
Gutiérrez González, Francisco (2005). “La metáfora visual en el álbum ilustrado.” CLIJ 183: 30-36.
Gutiérrez González, Francisco (2005). “Taller de álbum ilustrado”. CLIJ 185: 52-58.
Hanán Díaz, Fanuel (2007). “Leer y mirar el libro álbum ¿un género en construcción?” Cali: Grupo editorial Norma.
Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura
No hay comentarios:
Publicar un comentario