miércoles, 21 de mayo de 2014

Somos uns xenios dos retratos

Neste post presentámosvos a nosa proposta didáctica para traballar nas aulas de Educación Infantil o álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais”. Como xa puidestes ler, as motivacións que nos levaron a traballar esta obra foron as posibilidades que nos brindaba para poder facer un achegamento ás diferentes obras pictóricas de grandes artistas, dun xeito ameno e favorecedor da capacidade de expresión dos sentimentos estéticos.

Os principais obxectivos que se pretenden acadar mediante a realización desta proposta de actividades son:
  • Apreciar as diferentes manifestacións artísticas.
  • Fomentar a curiosidade dos nenos e nenas polas diferentes formas de expresión, principalmente pola artística.
  • Coñecer diferentes obras ao longo da historia da arte.
  • Empregar e valorar o debuxo como medio de expresión.
  • Desenvolver a sensibilidade estética.
  • Coñecer e apreciar o retrato como forma de expresión plástica.
  • Comprender a importancia do retrato na antigüidade, antes da existencia das cámaras fotográficas.

No tocante á proposta de actividades que dende aquí queremos compartir, está formulada para ser levada a cabo nunha aula de 5 anos de Educación Infantil, ao longo de seis sesións, das cales unha será posta en práctica no exterior do centro escolar. No referente ás formas de agrupación do alumnado durante as diferentes actividades esta será variable, polo que consideramos mellor especificala no momento no que se está a explicar cada unha delas, pero aclarando xa dende aquí que pretendemos promover en todas e cada unha delas o traballo colaborador entre o alumnado como elemento socializador e do desenvolvemento dunha actitude democrática deste cara os seus iguais.

As sesións de traballo formuladas son as que se presentan a continuación:
  • Primeira sesión.- Nesta xornada introdutoria da temática reunirase a todo o alumnado da clase nunha asemblea entorno á cal o mestre ou mestra lles lerá o texto da obra, á par que lles ensina as ilustracións que nela aparecen reflectidas. Despois deste primeiro achegamento faráselles un cuestionario sobre diversos aspectos que puideron observar na obra e, para o cal, algunhas das preguntas que se poden empregar son:
    • Gustouvos o libro?
    • Que ilustración vos chamou máis a atención e por que?
    • Como credes que fixeron esas ilustracións?
    • Que sentiches ao ver cada unha das ilustracións?
    • Etc.

Despois do cuestionario daráselle ao alumnado unha noción básica do que son os retratos e a importancia que tiñan estes na antigüidade antes de que se inventaran as cámaras fotográficas; ensinándolles tamén os cadros orixinais que inspiraron ao autor para facer as ilustracións do libro.

  • Segunda e terceira sesión.- Durante estas sesións intentarase recrear na aula o efecto conseguido coa obra seleccionada, e para o cal pediráselle axuda aos pais e nais do alumnado para aportar diferentes fotografías da súa familia.

Cando xa se teñan recollidas a imaxes das familias, repartiráselle aos nenos e nenas diferentes revistas e publicacións nas que aparezan diversos animais, para que sexan eles e elas de forma individual quen lles recorten as cabezas e logo as peguen sobre as fotografías das súas familias, conformando dese xeito un collaxe similar ao que puideron observar nas imaxes da obra tratada.

  • Cuarta sesión.- Xornada na que se dividirá ao alumnado por parellas, xuntando ao neno ou nena desemparellado con outro grupo de traballo, para logo facilitarlles papeis en branco e diferentes materiais de debuxo como lapis de cores, témperas, rotuladores, carbón, etc., cos que cada un e cada unha elaborará un retrato dos seus compañeiros de grupo; promovendo dese xeito que coñezan as propiedades dos diferentes materiais plásticos ao mesmo tempo que aprenden e interiorizan o esquema corporal do ser humano mediante a observación directa e a súa proxección nun suporte físico coa que mellorarán a súa motricidade fina.

  • Quinta sesión.- Sesión de traballo na que se lle propoñerá ao alumnado a realización dunha actividade con sombras chinesas na que se empregarán as luces e as sombras como material primordial; un material que sempre adoita motivar e fascinar a partes iguais ao alumnado de tan curta idade.

Para a súa posta en práctica dividirase aos compoñentes da clase en grupos de cinco persoas do seguinte xeito: un dos compoñentes manexará un foco, outro fará de modelo, outros dous suxeitarán un papel de gran formato colocado cara a parede e o restante será o encargado de debuxar; papeis que irán rotando para que todos e todas poidan experimentar as diferentes tarefas.

En cando ao seu desenvolvemento este será moi sinxelo, o encargado do foco soamente terá que apuntar coa luz ao modelo, facendo que a súa sombra se proxecte no papel, lugar onde o debuxante terá que marca o perfil deste modelo.

  • Sexta sesión.- Derradeiro día de traballo, unha xornada na que se fará unha saída ao museo de arte máis próximo (previa autorización de asistencia do alumnado por parte dos seus pais e nais). Durante esta visita formaranse un número de grupos de traballo acorde co número de docentes que participen na saída escolar, deste xeito os mestres e mestras participantes guiarán ao alumnado polo interior do museo coa finalidade de que sexan estes e estas quen atopen entre as diversas obras que se atopan expostas aquelas que se caractericen por ser retratos de persoas.


Como actividade para a avaliación do proxecto poderíamos empregar a saída ao museo, posto que dende a chegada ao mesmo lles indicaríamos que foran buscando os diferentes retratos que nel se poidan atopar, valorando deste xeito a correcta integración do concepto de retrato e do seu recoñecemento na súa realidade próxima. Así mesmo, a avaliación da presente proposta será global, continua e formativa, centrándonos non soamente na valoración dos resultados finais, senón que se primará todo o proceso seguido durante o desenvolvemento da mesma.

Esta proposta didáctica resultaría moi interesante para traballar nas aulas de Educación Infantil posto que con ela o alumnado estaría desenvolvendo diferentes capacidades a partires das diversas actividades; unhas actividades que consideramos que son moi motivadoras e entre as que se poden atopar a das collaxes, o traballo con sombras chinesas, etc., que servirán para que o alumnado adquira un alto grao de desenvolvemento da súa sensibilidade estética, conseguindo dese xeito que poidan apreciar mellor a beleza de tódolos elementos presentes no contorno que os rodea durante os seus quefaceres diarios.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Con Carapuchiña Vermella somos artistas


Á hora de presentar un álbum ilustrado en calquera aula de educación infantil non só debemos centrarnos exclusivamente na súa lectura, senón que podemos ir máis alá, vinculándoo a outras manifestacións artísticas. Neste post presentaremos o noso proxecto didáctico sobre o álbum que escollemos, Caperucita Roja, caracterizado polas ilustracións de Kveta Pacovská. Todas as propostas que pensamos levar a cabo pretenden desenvolver os sentimentos estéticos dos nenos e nenas, capacitándoos para diferenciar entre o que pode resultar atractivo e artístico e o que non. As actividades organizarémolas para levar a cabo en catro de sesións, nunha aula con nenos e nenas de 3 a 4 anos.

Na asamblea presentarémoslle o conto de Caperucita Roja con imaxes demasiado estereotipadas, que pouco deixan voar a imaxinación e a creatividade dos máis pequenos e pequenas, para logo ensinarlle a nova versión ilustrada por Kveta Pacovská. Observarán detidamente as diferentes imaxes á vez que escoitaremos as numerosas ideas dos nenos e nenas, intentando que respondan ás seguintes cuestións que lles plantexariamos:

-          Qué conto vos gustan máis?
-          Qué personaxes vos gustaron máis?
-          Gustouvos a historia?
-          Que lobo vos da máis medo?
-          Cómo credes que están realizadas os debuxos dos personaxes?

De seguido, propoñemos realizar as nosas propias marionetas e decorados para logo representar a historia na aula. Para o decorado do bosque empregaremos uns cartóns arrugados que poden  sacar dalgunha caixa de cartón, unhas cáscaras de ovo, diferentes tapóns de plástico e virutas de madeira ou recortes de papel reciclado. Logo cortaranse unhas tiras de cartón e pegarémolas na base da cartolina onde pintamos un fondo sinxelo con ceo e campo verde.  Na parte da copa das árbores pegaremos as virutas, as cáscaras de ovo e as tapas de plástico.

Como a parte da historia transcorre dentro da casa da avoa sería interesante realizar unha pequena na que presentar a escena.  Para isto utilizaríamos caixas de cartón decoradas por nós mesmos con rotuladores, témperas ou ceras e a cama e o armario da avoa. Unha vez rematados os dous decorados principais poñémonos mans á obra cos personaxes principais, empregando de novo materias de refugallo: teas, rolos de papel, fieltro, cartolinas e cores e témperas para darlles un toque máis persoal.



Na terceira sesión, unha vez que teñamos listos decorados e personaxes representaremos a nosa propia versión do conto citado con anteriodade. Os nenos e nenas resultarán protagonistas desta actividade xa que será eles mesmos quenes guíen e interactúen coas propias creacións.

Posto que as ilustracións de Kveta Pacovská gardan moita similitude coa pintura de vangarda, concretamente expresionista e cubista, pensamos que resultaría interesante e útil achegar aos máis pequenos e pequenas a este tipo de manifestación artística. Para que a actividade resulte verdadeiramente productiva e significativa para eles consideramos apropiado proporcionarlle folios tamaño A4 e témperas ou pintura de dedos para que poidan representar as diferentes escenas da historia coas súas propias mans.


















Para rematar coa última sesión trataremos o tema do collage, técnica que emprega tamén Kveta Pacovská. Ofreceremos ao alumnado recortes de revistas, pegamento, tesoiras, cartolinas tamaño a A4 e teas. Cada neno e nena deberá escoller unha escena do conto que representará a través da técnica do collage. Finalmente recompilaremos todas estas creacións construíndo o noso propio álbum ilustrado.












Para avaliar o noso proxecto didáctico teremos en conta o interese e actitude dos nenos e nenas á hora de realizar as diferentes actividades. Outro xeito de avaliar sería observar se o alumnado se achega a todas aquelas creacións realizadas logo da lectura do conto. Entendemos que se mostran interese por todo o feito é porque resultou unha actividade significativa que espertou o seu interese e motivación.  Consideramos que cumprimos o noso principal obxectivo se espertamos neles curiosidade por este tipo de manifestacións e imaxes, acostumados a que o propio texto resulte máis importante.

Como futuras mestras de Educación Infantil pensamos que é fundamental ofrecer recursos aos nenos e nenas para desenvolver a súa capacidade de imaxinar e crear. Deste xeito, deixamos de lado os libros nos que ten demasiado peso o texto e as imaxes estereotipas para darlle cabida na aula aos álbumes ilustrados.
Como ben dixo Loris Malaguzzi “Los niños tienen 100 maneras de expresarse, pero le robamos 99”. Nós, os adultos debemos de ser conscientes que os álbumes ilustrados poden ser unha ferramente idónea para traballar outras formas de expresarse e de entender o mundo que o rodea.


Blanco Piñeiro, Noelia
Bustelo Novo, Natividad
García Armesto, Fermina
González Devesa, Mónica
Villarino Díaz, Alba


Webgrafía





Pero que arte teñen estes animais!

Moitos álbums ilustrados son de por si, polas súas ilustracións orixinais e innovadoras, unha obra de arte; pero ademais, hainos tamén que tratan por temática á arte (xa sexa no referente á pintura, á escultura, á música, á poesía; a varias manifestacións das citadas...), converténdose así, e por partida dobre, en grandes recursos para: o desenvolvemento da cultura visual e sonora da infancia, xa que logo, enriquecen e amplían o intertexto dos nenos e nenas[i]; o achegamento destes e destas aos conceptos de “artista” e “obra de arte” e aos museos (e polo tanto ás obras que hai naqueles que se sitúan, debido ao afastamento, fóra do alcance de visita do alumnado de moitos colexios); etc. 

O álbum que nós escollemos para traballar con el é o “Gran libro dos retratos de animais” e relacionase coa pintura como manifestación artística implícita no seu interior, xa que logo, as ilustracións que aparecen ao longo das súas páxinas son unha interpretación de cadros reais de diferentes pintores; interpretación moi curiosa posto que as personaxes da mesma son sempre animais retratados en escenas e con vestimenta equivalente á dos cadros de verdade.

A arte como tema dun álbum pódese evidenciar nos dous tipos de texto que neste conflúen: o escrito (información non visual) e o de en forma de imaxes (información visual); mais é evidente que serán as ilustracións (entendidas como arte multimodal que integra as dimensións espacial e temporal) as que nutran á infancia de novas imaxes mentais; potencien, en maior medida que o texto escrito, a súa imaxinación creadora e a súa capacidade de inventiva orixinal (favorecendo, deste xeito, o desenvolvemento da individualidade) e, en último termo, serán as que contribuíran a educar a súa sensibilidade estética[ii]. 

Na nosa obra, as ilustracións achegan unha brisa de novidade para os cativos e as cativas, xa que logo, non están acostumados/as a que lles ensinen cadros nos que estean animais retratados; e tampouco se lles soen ensinar (por pensar que non lles van gustar) aqueles cadros que teñen poucas cores ou máis ben escuras (como algúns dos retratos do libro do que estamos a falar). Os retratos do álbum, ao poder relacionalos e comparalos cos reais, poden influír na conformación do gusto estético do alumnado de educación infantil na medida en que permiten ensanchar o seu coñecemento visual (e tomar conciencia dos sentimentos que lles transmiten novos cadros), o que implica que, canta máis diversidade se coñece, o gusto vaise ampliando e educando. 

Despois do exposto, gustaríanos recoller neste post tamén outros álbums ilustrados nos que se relaciona literatura (xa sexa a obra, un conto; teña outro tipo de información; ou incluso careza case por completo de texto), ilustración e arte (especialmente pintura, xa que é a manifestación artística reflectida no álbum que nós traballamos); e así o facemos (tendo en conta: a súa calidade; a adecuación ás capacidades lectoras e de atención dos/as alumnos/as de educación infantil e a diversidade funcional dos mesmos) co obxectivo de que esperten o voso interese e vos animedes a votarlles un ollo para valorar se lle los poñeriades nas mans aos máis pequenos da vosa casa ou colexio: 


_________________________
[i] Lobato, María José e Hoster, Beatriz (2011). “Acercamiento a los museos, al arte y al artista a través del álbum ilustrado”. Educación Artística: Revista de Investigación. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3745675
[ii] Fernández, Esther (2010). “El arte y la literatura infantil y juvenil a través de un modelo de álbum ilustrado”. Hekademos: Revista Educativa Digital. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://ojs.uv.es/index.php/eari/article/view/2516/2065


Bibliografía de ampliación sobre álbums que relacionan literatura, ilustración e arte (pintura, escultura, música e poesía): 


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

¡As mil e unha Cincentas!

Coa seguinte publicación pretendemos relacionar o noso albúm  A Cincenta con outras manifestacións artísticas. Como poderemos comprobar máis adiante son numerosas as manifestacións atopadas, das cales facemos un breve comentario e engadimos un enlace web para poder visualizalas.
Antes de comezar, queremos dar unha serie de razóns polas que se usa a literatura infantil como recurso para o acercamento á cultura visual no alumnado de infantil. Segundo Lobato e Hoster (2011), a primeira razón é debido ás deficiencias atopadas nos materiais editoriais empregados nas aulas, estes necesitan ter máis significado para os nenos e nenas e non presentarse como algo illado. A segunda é que estes albúms proporcionan unha calidade excelente para traballar tanto a comunicación visual como a plástica. Debe ser traballada dende un enfoque lúdico-creativo para conseguir que os alumnos/as constrúan a súa identidade, xa que son magníficos estímulos para conseguilo.

A Cincenta atopámola relacionada con diversas manifestacións artísticas, as cales comentamos de forma resumida a continuación.

Cendrillón, a cal é unha ópera menor que está baseada no conto de fadas A Cincenta de Perrault. Esta é composta por Jules Massenet e o pasado Nadal os cataláns tiveron a sorte de poder gozar dela no Liceo. A continuación engado o  enlace para poder visualizar o acto tres e catro da obra:

Tamén hai musicais dedicados a esta obra, por exemplo unha adaptación moderna de Fernando Castro no Teatro Nacional. O montaxe é espectacular, teñen un vestiario  coidado, moitas luces, a música de Alejandro Ramírez Rojas, os efectos do son e moitos elementos que fan que sexa un espectáculo cunha calidade excelente.
No seguinte enlace podedes ver un pequeno fragmento:

A Cincenta relacionámola tamén co ballet. Cinderella é un ballet composto por Prokofiev entre o 1940 e o 1944, e o seu estreo foi no 1945 no Teatro Bolshoi. Podedes ver o acto no seguinte enlace:



Con outra manifestación que se relaciona é co mundo do cine,  A Cincenta (1915) de James Kirkwood. Tamén temos a versión de Disney de 1950. Esta é unha das mellores adaptacións realizadas.





De igual modo existe unha miniserie de televisión dedicada a esta, chámase Cenerentola e é unha producción italiana de Christian Duguay. É unha adaptación moderna a Cincenta que todos coñecemos.







A continuación engadimos diversas obras pictóricas da Cincenta de tres ilustradores diferentes a Innocenti.

Temos a Cincenta de Thomas Kinkade, o cal realizou numerosas obras de diferentes personaxes de Disney. Estas son realizadas ó óleo.

As súas imaxes mostran o mundo de Disney, xa que o castelo é moi similar ó de Disneyworld. A vestimenta dos personaxes dista moito da que atopamos nas ilustracións de Innocenti, xa que na de Kinkade a forma de vestir é de princesas Disney, mentres que a de Innocenti é a típica dos anos vinte dándolle ós personaxes glamour. No tocante á paisaxe tamén resulta diferente, na de Innocenti esta pertence á cidade de Londres e na outra é un lugar fantástico.



Seguindo a mesma liña atopamos a Matilde Alba Minondo, a cal presenta á Cincenta de forma similar a Kinkade empregando vestimentas fantásticas.
Estas son as que máis chaman a atención e máis lle gustan ós nenos e nenas.




A seguinte obra é a de John Everett Millais, a cal é realizada ó óleo. Grazas o emprego desta técnica permite que a imaxe sexa máis parecida á figura humana e non tan infantil.
Comparándoa coa obra de Innocenti podemos ver que en ámbalas imaxes a Cincenta ten unha vestimenta similar, pero no referente á actitude corporal e ó seu físico podemos apreciar que a de Innocenti é unha rapaza pertencente á unha familia adiñeirada e na de Everett móstrase unha nena máis humilde e menor idade.


O alumnado de infantil grazas a todas estas manifestacións artísticas chegará a desenvolver o seu sentimento estético. A interdisciplinaridade é unha das características da literatura infantil, e grazas a ela conseguiremos provocar o gusto pola poesía, teatro, pintura e demais manifestacións nos máis pequenos/as. Consideramos este punto algo fundamental para que poidan ter un desenvolvemento integral, conseguir que sexan máis creativos, críticos e lles poida ser útil para o seu futuro.

Outras obras que tamén relacionan a literatura e a ilustración con outra arte, poden ser:

Perrault, Ch. (2012). La bella durmiente del bosque. Parramón Paidotribo S.L.
 A bela dormente do bosque de Charles Perrault e como ilustrador José M. Lavarello. Este é un conto de fadas popular europeo nacido da tradición oral, a versión máis coñecida é a de Charles Perrault no libro Contos de Mamá Ganso (1967).





Perrault, Ch. (2003). O gato con botas. Colihue.
O gato con botas é outra obra de Perrault, escollemos a versión da editorial Colihue. Nela a ilustradora é Mima Castro e podemos traballar moito coas cores, as formas, etc.




Grimm, J. e Grimm, W. Blancanieves. Nórdica libros.
Brancaneves dos irmáns Grimm coas ilustracións de Iban Barrenetxea. Este é o mesmo conto orixinal, pero ambientase nos países nórdicos e as imaxes son diferentes ás que estamos acostumados a ver.
As imaxes proporcionan e contan pasaxes do conto que non aparecen referidos no texto. Polo tanto estamos ante un libro na que as partes textuais e gráficas se complementan moi ben.





Perrault, Ch. (1999). Caperucita roja. Las hadas. Los cuentos de Perrault. Gramón-Colihue.
Ilustrado por Óscar Saúl Rojas. É a historia tradicional de Perrault, traducida por Graciela Montes. Con esta obra podemos traballar o debuxo, xa que as ilustracións non son as tradicionais.








Perrault, Ch. (2012). La bella durmiente del bosque. Parramón Paidotribo S.L.
Perrault, Ch. (2003). O gato con botas. Colihue.
Grimm, J. e Grimm, W. Blancanieves. Nórdica libros.
Perrault, Ch. (1999). Caperucita roja. Las hadas. Los cuentos de Perrault. Gramón-Colihue.
Lobato, M. e Hoster, B. (2011). Acercamiento a los museos, al arte y al artista a través del albúm ilustrado. Educación artística: Revista de investigación.
Artigo dispoñible en: http://ojs.uv.es/index.php/eari/article/view/2516/2065


                                                                                                                           Arias López, María
                                                                                                        Castiñeira López, María José
                                                                                                                      Díaz Armesto, Goretti