jueves, 22 de mayo de 2014

A nosa clase é o pazo da Cincenta!

Nesta publicación engadimos unha serie de actividades para traballar nas aulas de infantil o conto da Cincenta. Consideramos que esta obra ambientada nos anos 20 é unha nova forma de ver o clásico conto ó que estamos acostumados. Por este motivo, deseñamos unhas actividades de carácter lúdico para coñecer un pouco máis o característico desta nova obra que moita xente non coñece.
Os contos tradicionais non soamente axudan a medrar a nivel literario e lingüístico, senón tamén de forma artística. Nesta edición que eliximos, preséntanse unhas imaxes de excelente calidade. Por este motivo prestaremos especial atención a esta manifestación artística.
Ademais de permitirnos traballar a creatividade,a imaxinación ou a fantasía, tamén é un bo recurso para traballar certos valores que son de gran importancia na nosa sociedade. Entre eles o compañeirismo, o respecto, a amizade, a diversidade, as desigualdades, etc. Permitindo traballar tamén en moitos momentos certas emocións e sentimentos, como os celos ou o amor.

Os obxectivos que pretendemos acadar coa realización das diferentes actividades son:
-        Valorar as diferentes creacións dos compañeiros e as propias.
-        Coñecer os diferentes valores que están presentes na obra.
-        Traballar os valores positivos para aprender a vivir en sociedade.
-        Coñecer diferentes técnicas artísticas.
-        Desenvolver a imaxinación e a creatividade artística.
-        Coñecer diferentes formas de representacións.
-        Empregar o debuxo como medio para expresarse.
-        Observar diferentes obras pictóricas baseadas no mesmo conto.
-        Acercarse á obra como unha forma de expresión artística.
-        Dramatizar o conto tradicional.
-        Desenvolver as capacidades artísticas.

As actividades están deseñadas para que sexan realizadas en tres semanas, cada día empregaremos dúas horas aproximadamente. Seremos conscientes de que algún día ese tempo poderase ver modificado, en función das necesidades que poidan xurdir. Estas están dirixidas para nenos e nenas de 4 e 5 anos.

Os agrupamentos serán de todo tipo, tanto en gran grupo (asemblea e obra de teatro), pequenos grupos (realización de disfraces, recanto e conto) e individual (o cadro).
A continuación pasamos a describir as actividades deseñadas:

Actividade 1: Érase unha vez …


Esta primeira actividade consiste na narración do conto da Cincenta durante o tempo da asemblea. Unha vez rematada a historia comezaremos a falar sobre o conto, aquí os nenos e nenas darán a súa opinión e comezaremos a introducir as posteriores actividades.
Tamén preguntaremos:
-        Coñeciades este conto?
-        E os debuxos do conto que vós coñecedes son iguais ca estes?
-        En qué se diferencian?
-        Cal vos gusta máis? Por qué?


Actividade 2: Taller de disfraces e complementos

A seguinte actividade consistirá en realizar disfraces para caracterizarnos dos diferentes personaxes da historia. Para iso empregaremos o seguinte material:
-        Bolsas de plástico de diferentes cores
-        Tesoiras
-        Pegamento
-        Cartolinas
-        Pau
-        Palla
-        Teas
-        Papel de seda
-        Grampadora
-       
-        Cartón
-        Rotuladores
-        Plastilina

Para comezar faremos as diferentes vestimentas dos personaxes coas bolsas de plástico, as cales iremos recortando segundo a forma que lle queiramos dar e cunha grampadora fixando os complementos.

 

Faremos a coroa da fada madriña, gorro para os cocheiros e pamelas para as mulleres, todas elas con cartolinas e cartóns.












Tamén faremos diferentes disfraces de ratos, lagartos, unha cabaza, unha vasoira e un reloxo. Para eles empregaremos bolsas de cores, paus, palla, cartóns e plastilina.


Os zapatos farémolos cunha tela á que botaremos brillantina, esta tela recubrirá os zapatos da nena que represente á Cincenta.


A carroza farémola con cartón e decorarémola por fora con pintura.




Actividade 3: ¡Facemos teatro!

Esta actividade consistirá en representar a obra da Cincenta adaptada á idade dos nenos e nenas, empregando os materiais que elaboramos na actividade anterior.
Cada neno/a será un personaxe e terá que caracterizarse e comportarse como tal. Á obra estarán invitadas as familias que poderán gozar desta magnífica interpretación.


Actividade 4: A nosa Cincenta particular

Para realizar esta actividade necesitamos os seguintes materiais:
-        Lenzos
-        Pinturas
-        Pinceis
-        Vasos
-        Auga
-        Paleta

Nesta ocasión seremos artistas deixando voar a imaxinación e creatividade dos nenos e nenas. Cada un/unha  pintará a súa Cincenta particular, caracterizándoa do xeito que a eles lles gustaría que fose. Nalgúns casos será moi similar á que coñecemos, pero noutros os nenos e nenas pode que queiran modificar algunha característica da protagonista. Ademais de debuxar á protagonista poden  recrear o ambiente que a eles lles guste máis.
Esta actividade considerámola esencial e moi importante para interpretar o que máis lles gustou do conto.

 




Actividade 5: O recanto fantástico

Consideramos moi importante a actividade lúdica nestas idades, por iso queremos que na aula estea presente un lugar para poder xogar, experimentar e facer moitas actividades relacionadas coa Cincenta.
Para iso habilitaremos un recanto no que haberá materiais como:
-        Disfraces
-        Variñas máxicas
-        Xoias
-        Zapatos
-        Trapos
-        Instrumentos musicais
-        Etc.
A entrada a dito recanto será a fachada do pazo do príncipe, o cal realizaremos con cartón e pinturas.




Actividade 6: O noso conto 

Para rematar coas actividades elaboraremos o noso propio conto, o cal iremos ilustrando.
Para comezar, a mestra collerá un papel e bolígrafo para ir recollendo tódalas aportacións realizadas polo alumnado. Estes irán narrando unha historia que terá como protagonista a Cincenta, pero que modificará a acción orixinal do conto. Posteriormente a mestra repartirá cada escena a un alumno/a para que a debuxe como a el lle guste máis.
Os debuxos serán feitos con diferentes técnicas, dende un debuxo con lapis e cores de madeira ata o emprego das témperas e as mans para realizar o castelo.
Para finalizar encadernarase o conto, o cal quedará como outra obra máis que formará parte da biblioteca de aula.




Para concluír dicir que consideramos que as actividades lograrán que os máis pequenos gocen realizándoas e esperten o seu interese polas diferentes manifestacións artísticas. Ademais traballaremos a súa imaxinación e creatividade, sendo estes factores esenciais para o seu futuro.
Estas actividades son ideais para traballar en infantil, e ademais permiten traballar moitos aspectos importantes, non soamente a arte.


                                                                               Arias López, María
                                                                   Castiñeira López, María José

                                                          Díaz Armesto, Goretti

No hay comentarios:

Publicar un comentario