Moitos álbums ilustrados son de por si, polas súas ilustracións orixinais e innovadoras, unha obra de arte; pero ademais, hainos tamén que tratan por temática á arte (xa sexa no referente á pintura, á escultura, á música, á poesía; a varias manifestacións das citadas...), converténdose así, e por partida dobre, en grandes recursos para: o desenvolvemento da cultura visual e sonora da infancia, xa que logo, enriquecen e amplían o intertexto dos nenos e nenas[i]; o achegamento destes e destas aos conceptos de “artista” e “obra de arte” e aos museos (e polo tanto ás obras que hai naqueles que se sitúan, debido ao afastamento, fóra do alcance de visita do alumnado de moitos colexios); etc.
O álbum que nós escollemos para traballar con el é o “Gran libro dos retratos de animais” e relacionase coa pintura como manifestación artística implícita no seu interior, xa que logo, as ilustracións que aparecen ao longo das súas páxinas son unha interpretación de cadros reais de diferentes pintores; interpretación moi curiosa posto que as personaxes da mesma son sempre animais retratados en escenas e con vestimenta equivalente á dos cadros de verdade.
A arte como tema dun álbum pódese evidenciar nos dous tipos de texto que neste conflúen: o escrito (información non visual) e o de en forma de imaxes (información visual); mais é evidente que serán as ilustracións (entendidas como arte multimodal que integra as dimensións espacial e temporal) as que nutran á infancia de novas imaxes mentais; potencien, en maior medida que o texto escrito, a súa imaxinación creadora e a súa capacidade de inventiva orixinal (favorecendo, deste xeito, o desenvolvemento da individualidade) e, en último termo, serán as que contribuíran a educar a súa sensibilidade estética[ii].
Na nosa obra, as ilustracións achegan unha brisa de novidade para os cativos e as cativas, xa que logo, non están acostumados/as a que lles ensinen cadros nos que estean animais retratados; e tampouco se lles soen ensinar (por pensar que non lles van gustar) aqueles cadros que teñen poucas cores ou máis ben escuras (como algúns dos retratos do libro do que estamos a falar). Os retratos do álbum, ao poder relacionalos e comparalos cos reais, poden influír na conformación do gusto estético do alumnado de educación infantil na medida en que permiten ensanchar o seu coñecemento visual (e tomar conciencia dos sentimentos que lles transmiten novos cadros), o que implica que, canta máis diversidade se coñece, o gusto vaise ampliando e educando.
Despois do exposto, gustaríanos recoller neste post tamén outros álbums ilustrados nos que se relaciona literatura (xa sexa a obra, un conto; teña outro tipo de información; ou incluso careza case por completo de texto), ilustración e arte (especialmente pintura, xa que é a manifestación artística reflectida no álbum que nós traballamos); e así o facemos (tendo en conta: a súa calidade; a adecuación ás capacidades lectoras e de atención dos/as alumnos/as de educación infantil e a diversidade funcional dos mesmos) co obxectivo de que esperten o voso interese e vos animedes a votarlles un ollo para valorar se lle los poñeriades nas mans aos máis pequenos da vosa casa ou colexio:
_________________________
[i] Lobato, María José e Hoster, Beatriz (2011). “Acercamiento a los museos, al arte y al artista a través del álbum ilustrado”. Educación Artística: Revista de Investigación. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3745675
[ii] Fernández, Esther (2010). “El arte y la literatura infantil y juvenil a través de un modelo de álbum ilustrado”. Hekademos: Revista Educativa Digital. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://ojs.uv.es/index.php/eari/article/view/2516/2065
Bibliografía de ampliación sobre álbums que relacionan literatura, ilustración e arte (pintura, escultura, música e poesía):
Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura
Seijas Zamora, Laura
No hay comentarios:
Publicar un comentario