domingo, 27 de abril de 2014

Charla "A luz e a sombra da palabra. De oralidade e lectura" por Xabier P.Docampo


O pasado 10 de abril, asistimos á conferencia de Xabier P. Docampo na nosa Facultade, baixo o título "A luz e a sombra da palabra. De oralidade e lectura".

Xabier P. Docampo como ben explicaron algunhas das nosas compañeiras, é un mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. É autor de libros de texto, numerosas obras de literatura infantil e xuvenil e ensaios. Tamén escribiu e dirixiu obras para vídeo e televisión. Pertenceu aos consellos de redacción da Revista Galega de Educación e da revista de literatura infantil e xuvenil "Fadamorgana", e participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX). Recibiu os premios "Feira do Libro de A Coruña" (1989), "Emilia Pardo Bazán" (Ministerio de Educación), "Rañolas" (1994), "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil" (1995), "Honouri List IBBY" (1996), "The White Ravens" (1997, 2005), "Lecturas (GALIX, 2004), "Irmandade do Libro" (2009).

Despois dun breve percorrido pola traxectoria de Docampo, falaremos  sobre a charla que se centrou na oralidade como a raíz da literatura.  Como puidemos ver, para Docampo, a palabra é por esencia oral, e, o mesmo tempo, é a esencia da literatura. Por iso, para el a literatura ten unha profunda vocación de oralidade. Ler, é polo tanto, contarse unha historia. 

Tamén falou que deberíamos pararnos a reflexionar sobre que é a lectura e porqué queremos que os nenos e nenas lean, como futuros docentes, posto que non é o mesmo que consideremos a lectura como actividade para o ocio ou para a adquisición de coñecementos que o fagamos téndoa como unha actividade dende un punto de vista didáctico servindo así para crear lectores literarios.

Baixo o noso punto de vista, esta charla foi de gran  interese, posto que nos acercou a importancia que tivo e ten a día de hoxe a oralidade.
Durante a charla, fíxose tamén fincapé nas historias e contos que os nosos maiores nos contaban cando eramos cativos. Falando entre as distintas compoñentes do noso grupo coincidimos nalgunha delas que tamén queremos compartir con vos. Unha foi a lenda da “Cova da serpe”, tamén "Pulgarciño", “Caperuchiña vermella” e a “Cigarra e a Formiga”, entre moitas outras. Pero non só rememoramos contos ou lendas, senón relatos que falaban dende "adentro" dende a propia experiencia e os máis profundos dos sentementos, máxicas e encantadoras historias que as diferentes compoñentes do grupo gardamos con mais aínco polo que para nós significaron neses momentos e agora mesmo. Algunhas delas eran sobre as súas experiencias vividas cando eran cativos (épocas díficiles durante a guerra), como xogaban antes (os monecos de millo, como exemplo), os seus enamoramentos (cando coñeceron os seus respectivos mozos e mozas, as bodas...),  o duro traballo no campo, como era a vida no colexio (as monxas, os castigos...). En definitiva, infinitas historias que nós persoalmente gardamos con moito cariño e añoranza.

Como reflexión final, sobre o tema que se tratou durante a charla, pensamos que como futuras docentes non debemos de esquecer o privilexio que a nosa profesión brinda para tratar de formar non só bos lectores/escritores senón tamén bos oíntes/falantes, por iso, debemos facer uso dos contos, relatos, historias que son enormes recursos posto que axudan ao alumnado a construír sólidas estruturas dentro da fantasía, a reforzala capacidade de imaxinación e creatividade, a amplialo mundo da experiencia infantil. Son, polo tanto, peza clave no elemento formativo do carácter, a personalidade e a forma de vida.


Díaz Rodríguez, Laura
Fernández Regueiro, Carmen
Lamas Ogaza, Antía

jueves, 24 de abril de 2014

Xabier P.Docampo e a oralidade

O alumnado de cuarto curso da Facultade de Formación do Profesorado, da USC (Lugo), tivemos o inmenso pracer de recibir no salón de actos a Xabier Puente Docampo o pasado 10 de Abril do 2014. Antes de comentar o que veu facer a nosa Faculatde queremos contar un pouco moi por riba quén é.

Xabier Puente Docampo é un profesor e escritor coñecido sobre todo polas súas obras dirixidas ao público infanto-xuvenil. Naceu en Rábade (Lugo) o 5 de abril de 1946. Entre as súas obras atopamos:

- “Misterio das Badaladas” (1986), onde narra o misterio dun reloxo que da ás doce trece badaladas e dun grupo de nenos en nenas que tratas de resolver o misterio.

- “Bolboretas (2004) na que un neno descobre un xogo que consiste en cazar unha bolboreta e metela na boca aguantando a respiración o máximo posible sen facerlle dano, para a continuación deixala saír novamente. Técnica que lle ensina a unha rapaza pasándolle a bolboreta de boca en boca.

- “De cores e de amores” (2005): Obra que fala da forza que move ao mundo, o amor.
Xabier Puente Docampo recibiu numerosos premios non so en España senón tamén no estranxeiro como é "The White Ravens 2005" da Jugendbibliothet de Munich.

Agora que xa vos facedes unha idea de quen é, e da súa importancia no mundo da literatura comentaremos algunha das cousas que máis nos chamou a atención da súa charla sobre a literatura infantil e xuvenil.

A charla comezou co cambio que sufriu a escola co paso do tempo. Antigamente era o lugar ao que se acudía para aprender a ler, escribir, sumar, restar, multiplicar e dividir. Pero agora é o sitio no que asentar determinadas actitudes, é dicir, aprendemos a ler e a escribir para empregalas como ferramentas para adquirir outros coñecementos. A función dos docentes debería ser educar para a sabedoría e felicidade. E a lectura é o instrumento máis próximo á sabedoría.

Antano eran as familias as que contaban historias, contos, lendas, mitos, etc., pero coa chegada da televisión moitas destas familias consideraron que esta conta un mundo máis marabilloso que os seus relatos polo que as voces comezaron a silenciarse.

Segundo Xabier P. Docampo todo pícaro que de pequeno escoitou historias, de maior será un adicto ás historias como se de un drogodependente se tratase. Tamén comentou que as familias en xeral, delegan moitas responsabilidades nas escolas (adeus a literatura de tradición oral) e que esta se ve obrigada a asumir cada vez máis responsabilidades, pois debe recoller todo o que a sociedade considera importante para o alumnado, isto inclúe a literatura. Pero os centros educativos non deben darlle importancia a oralidade e a literatura por unha razón "ecoloxista" para evitar que se perda, senón pola súa importancia, polo que aporta e o que aprendemos dela.

A oralidade dun conto fascina, por este motivo aos nenos e nenas cando son pequenos lles encanta escoitar contos, e non só iso, senón que tamén queren escoitar unha e outra vez o mesmo conto e que se lles conte do mesmo xeito. Por outra banda, o escrito fai perdurable o narrado. A oralidade dende un punto de vista didáctico axuda a crear ao lector literario.


O ideal sería "desescolarizar" a literatura infantil e xuvenil e trasladala ao ámbito familiar, pero é a escola quen ten a función de formar ao lector, polo que o mellor lector literario debe ser o mestre ou a mestra. Os docentes atopan nos contos un gran recurso que axuda ao alumnado a medrar, a sedimentar nel cada vez máis coñecementos e sabedoría, a poñer nome as cousas e sentimentos, a transgredir, a crear un coñecemento diverxente, a ter en conta aos demais e a escoitar. Por todo isto que nos transmitiu o Sr. Xabier P.Docampo, e o que aprendemos queremos agradecerlle a súa visita e esperamos que as vindeiras xeracións teñan a oportunidade de asistir a unha das súas charlas.

Dada a importancia das historias de tradición oral, gustaríanos facer un balance de todas aquelas que os nosos avós nos contaban. Algunhas delas son:
  • Había un can que non tiña casa e polo inverno tiña moito frío e dicía: “brrrrr…que frío fai, cando veña o verán vou facer unha casa”, pero cando chegaba o verán, coa lingua de fóra, dicía: “ para que quero casa!, queima o sol que abrasa!”, e así ano tras ano, sucesivamente.
  • Había unha vez unha formiga moi traballadora que todo o verán recollía comida para non pasar fame no inverno e a súa amiga a cigarra ríase dela porque botaba todo o verán traballando e ela non facía nada. Pero cando chegou o inverno a formiga tiña que comer e a cigarra non, e andaba deambulando e morrendo de fame, entón a formiga acolleuna na súa casa e compartiu con ela a súa comida, dende entón a cigarra aprendeu a non rirse de ninguén máis e a traballar máis. 

  • Unha vez un raposo atopouse con unha cegoña, e invitouna a comer a súa casa. Cando a cegoña chegou a casa do raposo este tiña feitas unhas papas, entón o raposo derramounas por unha pena abaixo. A cegoña co seu peteiro non podía comer os grans de arroz, pero o raposo coa súa lingua recollía todos os grans e comía perfectamente todas as papas. Entón a cegoña díxolle ao raposo que lle debía unha comida e que por tanto o levaría as festas ao ceo. O zorro subiuse a cegoña e esta empezou a voar. Cando ían ben arriba a cegoña deixou caer ao raposo, para vingarse del.  O raposo mentres caía viu un palleiro e dixo: “rabo guiadeiro, guíame para aquel palleiro, que se desta saio nunca ás festas ao ceo non volvo”. O raposo caeu encima do palleiro e quedou espetado no pau. 


Pensamos que estas lendas, contos ou fábulas, contadas oralmente, son moi importantes na educación infantil porque dun xeito ameno, lúdico, sinxelo e claro transmiten aos nenos e nenas valores morais, imprescindibles para o desenvolvemento da personalidade e a aprendizaxe verbal. Así mesmo, estas historias e lendas, propician que os nenos e nenas vaian aprendendo palabras antes de saber ler.

Nos últimos tempos, esta literatura de tradición oral estase a perder, sobre todo no seo familiar, en certa medida debido ao uso excesivo das novas tecnoloxías. Por este motivo, consideramos que é moi importante darlle un lugar destacado e fomentar este tipo de literatura dentro da escola. 



       Webgrafía:



Alumnas de 4º Grao Facultade de Formación do Profesorado da USC (Lugo)

García Urrabieta, Rocío
González Villarmea, Marta
Raposo Corredoira, Jéssica
Rego Conde, Laura