Mostrando entradas con la etiqueta proxecto didáctico. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta proxecto didáctico. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de mayo de 2014

Somos uns xenios dos retratos

Neste post presentámosvos a nosa proposta didáctica para traballar nas aulas de Educación Infantil o álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais”. Como xa puidestes ler, as motivacións que nos levaron a traballar esta obra foron as posibilidades que nos brindaba para poder facer un achegamento ás diferentes obras pictóricas de grandes artistas, dun xeito ameno e favorecedor da capacidade de expresión dos sentimentos estéticos.

Os principais obxectivos que se pretenden acadar mediante a realización desta proposta de actividades son:
  • Apreciar as diferentes manifestacións artísticas.
  • Fomentar a curiosidade dos nenos e nenas polas diferentes formas de expresión, principalmente pola artística.
  • Coñecer diferentes obras ao longo da historia da arte.
  • Empregar e valorar o debuxo como medio de expresión.
  • Desenvolver a sensibilidade estética.
  • Coñecer e apreciar o retrato como forma de expresión plástica.
  • Comprender a importancia do retrato na antigüidade, antes da existencia das cámaras fotográficas.

No tocante á proposta de actividades que dende aquí queremos compartir, está formulada para ser levada a cabo nunha aula de 5 anos de Educación Infantil, ao longo de seis sesións, das cales unha será posta en práctica no exterior do centro escolar. No referente ás formas de agrupación do alumnado durante as diferentes actividades esta será variable, polo que consideramos mellor especificala no momento no que se está a explicar cada unha delas, pero aclarando xa dende aquí que pretendemos promover en todas e cada unha delas o traballo colaborador entre o alumnado como elemento socializador e do desenvolvemento dunha actitude democrática deste cara os seus iguais.

As sesións de traballo formuladas son as que se presentan a continuación:
  • Primeira sesión.- Nesta xornada introdutoria da temática reunirase a todo o alumnado da clase nunha asemblea entorno á cal o mestre ou mestra lles lerá o texto da obra, á par que lles ensina as ilustracións que nela aparecen reflectidas. Despois deste primeiro achegamento faráselles un cuestionario sobre diversos aspectos que puideron observar na obra e, para o cal, algunhas das preguntas que se poden empregar son:
    • Gustouvos o libro?
    • Que ilustración vos chamou máis a atención e por que?
    • Como credes que fixeron esas ilustracións?
    • Que sentiches ao ver cada unha das ilustracións?
    • Etc.

Despois do cuestionario daráselle ao alumnado unha noción básica do que son os retratos e a importancia que tiñan estes na antigüidade antes de que se inventaran as cámaras fotográficas; ensinándolles tamén os cadros orixinais que inspiraron ao autor para facer as ilustracións do libro.

  • Segunda e terceira sesión.- Durante estas sesións intentarase recrear na aula o efecto conseguido coa obra seleccionada, e para o cal pediráselle axuda aos pais e nais do alumnado para aportar diferentes fotografías da súa familia.

Cando xa se teñan recollidas a imaxes das familias, repartiráselle aos nenos e nenas diferentes revistas e publicacións nas que aparezan diversos animais, para que sexan eles e elas de forma individual quen lles recorten as cabezas e logo as peguen sobre as fotografías das súas familias, conformando dese xeito un collaxe similar ao que puideron observar nas imaxes da obra tratada.

  • Cuarta sesión.- Xornada na que se dividirá ao alumnado por parellas, xuntando ao neno ou nena desemparellado con outro grupo de traballo, para logo facilitarlles papeis en branco e diferentes materiais de debuxo como lapis de cores, témperas, rotuladores, carbón, etc., cos que cada un e cada unha elaborará un retrato dos seus compañeiros de grupo; promovendo dese xeito que coñezan as propiedades dos diferentes materiais plásticos ao mesmo tempo que aprenden e interiorizan o esquema corporal do ser humano mediante a observación directa e a súa proxección nun suporte físico coa que mellorarán a súa motricidade fina.

  • Quinta sesión.- Sesión de traballo na que se lle propoñerá ao alumnado a realización dunha actividade con sombras chinesas na que se empregarán as luces e as sombras como material primordial; un material que sempre adoita motivar e fascinar a partes iguais ao alumnado de tan curta idade.

Para a súa posta en práctica dividirase aos compoñentes da clase en grupos de cinco persoas do seguinte xeito: un dos compoñentes manexará un foco, outro fará de modelo, outros dous suxeitarán un papel de gran formato colocado cara a parede e o restante será o encargado de debuxar; papeis que irán rotando para que todos e todas poidan experimentar as diferentes tarefas.

En cando ao seu desenvolvemento este será moi sinxelo, o encargado do foco soamente terá que apuntar coa luz ao modelo, facendo que a súa sombra se proxecte no papel, lugar onde o debuxante terá que marca o perfil deste modelo.

  • Sexta sesión.- Derradeiro día de traballo, unha xornada na que se fará unha saída ao museo de arte máis próximo (previa autorización de asistencia do alumnado por parte dos seus pais e nais). Durante esta visita formaranse un número de grupos de traballo acorde co número de docentes que participen na saída escolar, deste xeito os mestres e mestras participantes guiarán ao alumnado polo interior do museo coa finalidade de que sexan estes e estas quen atopen entre as diversas obras que se atopan expostas aquelas que se caractericen por ser retratos de persoas.


Como actividade para a avaliación do proxecto poderíamos empregar a saída ao museo, posto que dende a chegada ao mesmo lles indicaríamos que foran buscando os diferentes retratos que nel se poidan atopar, valorando deste xeito a correcta integración do concepto de retrato e do seu recoñecemento na súa realidade próxima. Así mesmo, a avaliación da presente proposta será global, continua e formativa, centrándonos non soamente na valoración dos resultados finais, senón que se primará todo o proceso seguido durante o desenvolvemento da mesma.

Esta proposta didáctica resultaría moi interesante para traballar nas aulas de Educación Infantil posto que con ela o alumnado estaría desenvolvendo diferentes capacidades a partires das diversas actividades; unhas actividades que consideramos que son moi motivadoras e entre as que se poden atopar a das collaxes, o traballo con sombras chinesas, etc., que servirán para que o alumnado adquira un alto grao de desenvolvemento da súa sensibilidade estética, conseguindo dese xeito que poidan apreciar mellor a beleza de tódolos elementos presentes no contorno que os rodea durante os seus quefaceres diarios.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Unha proposta didáctica mergudalla en El pez que sonreía


Ao longo deste post, poderemos ver a proposta dun proxecto destinado a traballar en educación infantil, o desenvolvemento dos sentimentos estéticos. Partimos da obra que eliximos para traballar, “El pez que sonreía”, como xa vimos en post anteriores, pódese relacionar coa arte e coa educación visual, polas imaxes que ofrece, por este motivo, decidimos traballar a ilustración de contos. Pensamos que a ilustración é unha boa ferramenta para desenvolver no alumnado a capacidade de expresión dos sentimentos.

DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO
Agrupamento: pequenos grupos, cada grupo de nenos e nenas ilustrará unha parte do conto.

Temporalización: este proxecto está previsto para desenvolverse no transcurso dunha semana, concretamente nas sesións da tarde, podendo abarcar de hora e media a dúas horas diarias dependendo das necesidades do alumando.

Obxectivos:
ü  Fomentar unha actitude reflexiva e crítica ante a produción artística e ante o ensino da expresión plástica e visual.
ü  Interiorizar, incorporar e valorar o debuxo como unha verdadeira ferramenta de expresión.
ü  Valorar a estética dos obxectos que nos rodean na vida diaria.
ü  Aprender a xerar unha estética persoal ao marxe da convección e os modelos establecidos.
ü  Adquirir estratexias para ilustrar textos, tendo en conta o imaxinario do neno/a.
ü  Adquirir formas de facer abertas que non buscan un único resultado se non que son froito da proba, da observación, da experimentación… para chegar ao noso resultado propio e persoal.
ü  Valorar as producións persoais e afastarse da idea do resultado único.

Desenvolvemento:
Actividade 1: Lectura do conto “El pez que sonreía”
Comezaremos este proxecto lendo este conto e observando as súas marabillosas imaxes, na asemblea. Unha vez rematado, propoñeremos ao alumando que comparta o que sentiu ao ler o libro, que lles pareceu, se lles gustou ou non. Por último, deixariamos o libro no recanto da asemblea para que os nenos e nenas o empregaran sempre que quixeran ou o necesitaran.

      Actividade 2: Elaboración do noso propio conto
A partir do conto “El pez que sonreía”, decidimos ilustrar outro conto, o cal tamén contaría con un peixe como personaxe protagonista. Eliximos un conto ruso, de tradición oral que trata tamén sobre valores, neste caso fomenta o valor de apreciar o que temos e non ser ten materialistas e querer abarcalo todo. O conto di así:

“Érase unha vez un pescador que vivía coa súa muller nunha antiga cabana. Un día, este pescador saíu de pesca, e pescou un peixe dourado que lle dixo: - “ancián, devólveme ao mar e dareiche todo o que desexes por moi caro que sexa”- O pescador devolveu o peixe ao mar sen pedir ningún desexo. Cando chegou a casa e contoulle todo a muller, esta púxose furiosa e díxolle: -“estás tolo!, non soubeches que pedirlle ao peixe?”, lévalle este balde roto para lavar a roupa e pídelle un novo”-. O peixe díxolle, - “non te preocupes, terás un balde novo”- . Pero a muller ao ver o balde novo díxolle ao marido: -“tolo, dentro do balde non vamos vivir, volve e pídelle unha cabana nova”-. O peixe de novo concedeulle o desexo e a muller tivo a súa nova cabana. Pero isto non foi suficiente, e a muller ao ver o marido díxolle: -“Non quero ser campesiña quero ser burguesa”-. Aínda así, non contenta co que tiña, a muller quixo ser a dona do mar e da terra, e despois do mundo, así que o pescador volveu xunto do peixe e díxolle: -“ A miña muller quere ser a dona do mundo”- , pero o peixe deu un salto meténdose na auga e salpicando ao pescador. Cando chegou de pescar, o pescador veu que todo desaparecera e só quedaba a súa antiga cabana.”
Para facer as ilustracións, dividiriámonos en pequenos grupos, de tres ou catro persoas, e cada grupo ilustraría unha parte do conto.
Para isto empregaríamos o seguinte material: cartolinas tamaño A3, lapis de cores, ceras, témperas, botóns, goma eva, abelorios, plastilina, elementos naturais como pequenas ramas de árbores e diversos materiais de refugallo (botellas de plástico, tapóns, anacos de teas, cortiza, …
As ilustracións ocuparían a totalidade das cartolinas tamaño A3 e nelas iría incluído o texto.
A continuación, vemos o posible resultado deste conto:





























Actividade 3: Exposición e lectura do noso conto
Para rematar o proxecto, pensamos en colgar o noso conto no corredor, a modo de exposición, para que todos os nenos e nenas do centro puideran observalo e lelo sempre que quixeran. Tamén aproveitaríamos para comparalo co conto de “El pez que sonreía” e ver que semellanzas e diferenzas atopamos entre os dous contos.

Conclusión: Pensamos que este proxecto pode ser de gran utilidade en educación infantil, non só para a educación dos sentimentos estéticos como xa comentamos, se non tamén para desenvolver nos nenos e nenas a creatividade e imaxinación, pois estes terían que ilustrar o conto so a partir do texto. Tamén pensamos que tería bastante éxito, pois aos nenos e nenas gústalles experimentar con diversos tipos de materiais e con este proxecto damos esa oportunidade, ademais de deixarlles investigar e decidir o tipo de materiais a empregar así como tamén o deseño da ilustración. Cremos que sería un proxecto motivador e ameno para realizar en educación infantil. 

Webgrafía:
http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/rus/puchkin/el_pescador_y_el_pez_dorado.htm (Recuperado o 10 de Maio de 2014)

García Urrabieta, Rocío
González Villarmea, Marta
Raposo Corredoira, Jéssica
Rego Conde, Laura