Mostrando entradas con la etiqueta Svjetlan Junakovic. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Svjetlan Junakovic. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de mayo de 2014

Somos uns xenios dos retratos

Neste post presentámosvos a nosa proposta didáctica para traballar nas aulas de Educación Infantil o álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais”. Como xa puidestes ler, as motivacións que nos levaron a traballar esta obra foron as posibilidades que nos brindaba para poder facer un achegamento ás diferentes obras pictóricas de grandes artistas, dun xeito ameno e favorecedor da capacidade de expresión dos sentimentos estéticos.

Os principais obxectivos que se pretenden acadar mediante a realización desta proposta de actividades son:
  • Apreciar as diferentes manifestacións artísticas.
  • Fomentar a curiosidade dos nenos e nenas polas diferentes formas de expresión, principalmente pola artística.
  • Coñecer diferentes obras ao longo da historia da arte.
  • Empregar e valorar o debuxo como medio de expresión.
  • Desenvolver a sensibilidade estética.
  • Coñecer e apreciar o retrato como forma de expresión plástica.
  • Comprender a importancia do retrato na antigüidade, antes da existencia das cámaras fotográficas.

No tocante á proposta de actividades que dende aquí queremos compartir, está formulada para ser levada a cabo nunha aula de 5 anos de Educación Infantil, ao longo de seis sesións, das cales unha será posta en práctica no exterior do centro escolar. No referente ás formas de agrupación do alumnado durante as diferentes actividades esta será variable, polo que consideramos mellor especificala no momento no que se está a explicar cada unha delas, pero aclarando xa dende aquí que pretendemos promover en todas e cada unha delas o traballo colaborador entre o alumnado como elemento socializador e do desenvolvemento dunha actitude democrática deste cara os seus iguais.

As sesións de traballo formuladas son as que se presentan a continuación:
  • Primeira sesión.- Nesta xornada introdutoria da temática reunirase a todo o alumnado da clase nunha asemblea entorno á cal o mestre ou mestra lles lerá o texto da obra, á par que lles ensina as ilustracións que nela aparecen reflectidas. Despois deste primeiro achegamento faráselles un cuestionario sobre diversos aspectos que puideron observar na obra e, para o cal, algunhas das preguntas que se poden empregar son:
    • Gustouvos o libro?
    • Que ilustración vos chamou máis a atención e por que?
    • Como credes que fixeron esas ilustracións?
    • Que sentiches ao ver cada unha das ilustracións?
    • Etc.

Despois do cuestionario daráselle ao alumnado unha noción básica do que son os retratos e a importancia que tiñan estes na antigüidade antes de que se inventaran as cámaras fotográficas; ensinándolles tamén os cadros orixinais que inspiraron ao autor para facer as ilustracións do libro.

  • Segunda e terceira sesión.- Durante estas sesións intentarase recrear na aula o efecto conseguido coa obra seleccionada, e para o cal pediráselle axuda aos pais e nais do alumnado para aportar diferentes fotografías da súa familia.

Cando xa se teñan recollidas a imaxes das familias, repartiráselle aos nenos e nenas diferentes revistas e publicacións nas que aparezan diversos animais, para que sexan eles e elas de forma individual quen lles recorten as cabezas e logo as peguen sobre as fotografías das súas familias, conformando dese xeito un collaxe similar ao que puideron observar nas imaxes da obra tratada.

  • Cuarta sesión.- Xornada na que se dividirá ao alumnado por parellas, xuntando ao neno ou nena desemparellado con outro grupo de traballo, para logo facilitarlles papeis en branco e diferentes materiais de debuxo como lapis de cores, témperas, rotuladores, carbón, etc., cos que cada un e cada unha elaborará un retrato dos seus compañeiros de grupo; promovendo dese xeito que coñezan as propiedades dos diferentes materiais plásticos ao mesmo tempo que aprenden e interiorizan o esquema corporal do ser humano mediante a observación directa e a súa proxección nun suporte físico coa que mellorarán a súa motricidade fina.

  • Quinta sesión.- Sesión de traballo na que se lle propoñerá ao alumnado a realización dunha actividade con sombras chinesas na que se empregarán as luces e as sombras como material primordial; un material que sempre adoita motivar e fascinar a partes iguais ao alumnado de tan curta idade.

Para a súa posta en práctica dividirase aos compoñentes da clase en grupos de cinco persoas do seguinte xeito: un dos compoñentes manexará un foco, outro fará de modelo, outros dous suxeitarán un papel de gran formato colocado cara a parede e o restante será o encargado de debuxar; papeis que irán rotando para que todos e todas poidan experimentar as diferentes tarefas.

En cando ao seu desenvolvemento este será moi sinxelo, o encargado do foco soamente terá que apuntar coa luz ao modelo, facendo que a súa sombra se proxecte no papel, lugar onde o debuxante terá que marca o perfil deste modelo.

  • Sexta sesión.- Derradeiro día de traballo, unha xornada na que se fará unha saída ao museo de arte máis próximo (previa autorización de asistencia do alumnado por parte dos seus pais e nais). Durante esta visita formaranse un número de grupos de traballo acorde co número de docentes que participen na saída escolar, deste xeito os mestres e mestras participantes guiarán ao alumnado polo interior do museo coa finalidade de que sexan estes e estas quen atopen entre as diversas obras que se atopan expostas aquelas que se caractericen por ser retratos de persoas.


Como actividade para a avaliación do proxecto poderíamos empregar a saída ao museo, posto que dende a chegada ao mesmo lles indicaríamos que foran buscando os diferentes retratos que nel se poidan atopar, valorando deste xeito a correcta integración do concepto de retrato e do seu recoñecemento na súa realidade próxima. Así mesmo, a avaliación da presente proposta será global, continua e formativa, centrándonos non soamente na valoración dos resultados finais, senón que se primará todo o proceso seguido durante o desenvolvemento da mesma.

Esta proposta didáctica resultaría moi interesante para traballar nas aulas de Educación Infantil posto que con ela o alumnado estaría desenvolvendo diferentes capacidades a partires das diversas actividades; unhas actividades que consideramos que son moi motivadoras e entre as que se poden atopar a das collaxes, o traballo con sombras chinesas, etc., que servirán para que o alumnado adquira un alto grao de desenvolvemento da súa sensibilidade estética, conseguindo dese xeito que poidan apreciar mellor a beleza de tódolos elementos presentes no contorno que os rodea durante os seus quefaceres diarios.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Pero que arte teñen estes animais!

Moitos álbums ilustrados son de por si, polas súas ilustracións orixinais e innovadoras, unha obra de arte; pero ademais, hainos tamén que tratan por temática á arte (xa sexa no referente á pintura, á escultura, á música, á poesía; a varias manifestacións das citadas...), converténdose así, e por partida dobre, en grandes recursos para: o desenvolvemento da cultura visual e sonora da infancia, xa que logo, enriquecen e amplían o intertexto dos nenos e nenas[i]; o achegamento destes e destas aos conceptos de “artista” e “obra de arte” e aos museos (e polo tanto ás obras que hai naqueles que se sitúan, debido ao afastamento, fóra do alcance de visita do alumnado de moitos colexios); etc. 

O álbum que nós escollemos para traballar con el é o “Gran libro dos retratos de animais” e relacionase coa pintura como manifestación artística implícita no seu interior, xa que logo, as ilustracións que aparecen ao longo das súas páxinas son unha interpretación de cadros reais de diferentes pintores; interpretación moi curiosa posto que as personaxes da mesma son sempre animais retratados en escenas e con vestimenta equivalente á dos cadros de verdade.

A arte como tema dun álbum pódese evidenciar nos dous tipos de texto que neste conflúen: o escrito (información non visual) e o de en forma de imaxes (información visual); mais é evidente que serán as ilustracións (entendidas como arte multimodal que integra as dimensións espacial e temporal) as que nutran á infancia de novas imaxes mentais; potencien, en maior medida que o texto escrito, a súa imaxinación creadora e a súa capacidade de inventiva orixinal (favorecendo, deste xeito, o desenvolvemento da individualidade) e, en último termo, serán as que contribuíran a educar a súa sensibilidade estética[ii]. 

Na nosa obra, as ilustracións achegan unha brisa de novidade para os cativos e as cativas, xa que logo, non están acostumados/as a que lles ensinen cadros nos que estean animais retratados; e tampouco se lles soen ensinar (por pensar que non lles van gustar) aqueles cadros que teñen poucas cores ou máis ben escuras (como algúns dos retratos do libro do que estamos a falar). Os retratos do álbum, ao poder relacionalos e comparalos cos reais, poden influír na conformación do gusto estético do alumnado de educación infantil na medida en que permiten ensanchar o seu coñecemento visual (e tomar conciencia dos sentimentos que lles transmiten novos cadros), o que implica que, canta máis diversidade se coñece, o gusto vaise ampliando e educando. 

Despois do exposto, gustaríanos recoller neste post tamén outros álbums ilustrados nos que se relaciona literatura (xa sexa a obra, un conto; teña outro tipo de información; ou incluso careza case por completo de texto), ilustración e arte (especialmente pintura, xa que é a manifestación artística reflectida no álbum que nós traballamos); e así o facemos (tendo en conta: a súa calidade; a adecuación ás capacidades lectoras e de atención dos/as alumnos/as de educación infantil e a diversidade funcional dos mesmos) co obxectivo de que esperten o voso interese e vos animedes a votarlles un ollo para valorar se lle los poñeriades nas mans aos máis pequenos da vosa casa ou colexio: 


_________________________
[i] Lobato, María José e Hoster, Beatriz (2011). “Acercamiento a los museos, al arte y al artista a través del álbum ilustrado”. Educación Artística: Revista de Investigación. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3745675
[ii] Fernández, Esther (2010). “El arte y la literatura infantil y juvenil a través de un modelo de álbum ilustrado”. Hekademos: Revista Educativa Digital. Recuperado o 2 de maio de 2014, de: http://ojs.uv.es/index.php/eari/article/view/2516/2065


Bibliografía de ampliación sobre álbums que relacionan literatura, ilustración e arte (pintura, escultura, música e poesía): 


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Un verdadeiro museo nas nosas mans

En canto ao tema a tratar neste post, no que faremos unha análise do álbum ilustrado escollido "O gran libro dos retratos de animais", cremos conveniente facer unha pequena introdución explicando brevemente o que se entende por álbum ilustrado. Segundo as palabras da autora Teresa Durán, emprégase dito termo na linguaxe coloquial como sinónimo de libro ilustrado (cabe destacar que non é o mesmo un álbum ilustrado que un libro ilustrado). Enténdese por álbum aquel libro no que o factor comunicativo provén directamente da imaxe e sobre todo da secuenciación entre elas. A historia narrada, fala só a través da linguaxe visual, na que as ilustracións actúan como aliadas da palabra.

Consideramos pertinente ter en conta a definición que fai a autora citada anteriormente en canto aos imaxinarios, xa que cremos que a nosa obra se encontra a cabalo entre un álbum ilustrado e un imaxinario. Estes son un tipo de libros nos que prima a función recoñecedora, conformados por sinxelas imaxes de animais, xoguetes ou persoas que destacan sobre un fondo neutro. Ditas formas non teñen relación entre si, de xeito que a orde das páxinas que conforman a obra, non altera o produto.

Antes de comezar coa análise crítica da obra, aportamos a continuación os seus datos fundamentais:



TÍTULO: Gran libro dos retratos de animais
AUTOR/ILUSTRADOR: Svjetlan Junaković
TRADUCTOR: Antón Fortes
EDITORIAL: OQO Editora
ANO: Outubro 2006
ISBN: 978-8496573802




No Gran libro dos retratos de animais, o autor pon nas mans do lector que se somerxa nesta obra, unha auténtica galería de arte, na que os animais encarnados en grandes personaxes da historia, cobran un especial protagonismo.

En canto á finalidade do texto de dita obra, remítese sinxelamente a acompañar aos retratos, actuando a modo de adiviñanza, na que o autor facilita información sobre o artista, personaxe retratada ou época na que se realizou o retrato orixinal (entre outro tipo de información), coa intención de que o lector sexa quen de identificar e relacionar o retrato realizado polo ilustrador Svjetlan Junaković co seu orixinal. Dado o grao de complexidade que acada a presente obra, e tendo en conta o nivel educativo ao que nos diriximos como futuros docentes de Educación Infantil, pode ser que se teña a equivocada idea de que o Gran libro dos retratos de animais non sexa unha obra axeitada para traballar cos máis pequenos e pequenas. Pero nós imos máis alá, xa que este álbum ilustrado convida aos nenos e nenas á exploración e a coñecer parte dos grandes da historia da arte, o descubrimento dos retratos e a súa finalidade, gozar de ilustracións pouco convencionais de animais...

En canto as imaxes que compoñen este álbum ilustrado, trátanse dunhas logradas reproducións nas que Svjetlan Junaković enmascara a grandes personaxes da historia trala forma de recoñecidos animais. Entre elas non existe relación, senón que se presentan cadros famosos que reproducen dende o estilo Gótico de Jan Van Eyck, pasando polo Barroco de Johannes Vermeer ata incluso chegar ao Neoclasicismo da man de Jean Auguste Dominique Ingres.


Como se pode observar, a imaxe da dereita “Babuíno” é a reprodución que o ilustrador do álbum fai a partir da obra de Jan Van Eyck, titulada “O home do turbante vermello” (imaxe da esquerda), que data do 1433 e pertence ao movemento artístico Gótico.


No caso da imaxe da dereita, que o autor nomea como “A ovella”, reproduce a recoñecida obra Barroca de Johannes Vermeer (esquerda), “A moza da perla” (1667).


Outro exemplo é o que nos atopamos aquí arriba. A imaxe da dereita, que Svjetlan Junaković titulada “Hipopótamo”, reproduce (imaxe da esquerda) o singular cadro neoclasicista no que Jean Auguste Dominique retrata á “Bañista de Valpincon” (1807). 

Todos estes, son exemplos que nos podemos atopar dentro do álbum “Gran libro dos retratos de animais”. A técnica empregada, ó tratarse de reproducións, son as mesmas que os autores orixinais empregaron para a realización das súas obras, a que máis prima é o óleo sobre lenzo. 

Pensamos que é moi arriscada e novidosa a obra realizada polo ilustrador Svjetlan Junakovic neste álbum, e máis novidoso o público ao que vai dirixido, xa que son todos retratos e a estética parece un pouco lúgubre e canto menos colorista, pero os nenos e nenas son quen de gozar deste tipo de ilustracións. 

Con todo o exposto, consideramos que o devandito álbum ilustrado posúe unhas características excepcionais en canto a creatividade, pola exquisita reprodución e imaxinación de encarnar coñecidas personaxes en animais (incluso chegando ao ton satírico) dun xeito coidadoso e harmonioso. É un excelente material para traballar na aula e incentivar os sentimentos estéticos dos máis pequenos.


Bibliografía 
Durán, Teresa (1989). “Del abecedario al álbum ilustrado”. CLIJ 5: 19-25. 
Gutiérrez González, Francisco (2005). “La metáfora visual en el álbum ilustrado.” CLIJ 183: 30-36. 
Gutiérrez González, Francisco (2005). “Taller de álbum ilustrado”. CLIJ 185: 52-58. 
Hanán Díaz, Fanuel (2007). “Leer y mirar el libro álbum ¿un género en construcción?” Cali: Grupo editorial Norma.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Vaia animalada de álbum ilustrado!




O libro que traballamos é o “Gran libro dos retratos de animais”, creado e ilustrado por Svjetlan Junakovic, e traducido por Antón Fortes. Como o mesmo título indica, o tema principal da obra son os retratos feitos a animais.
Svjetlan Junakovic é un ilustrador, pintor e escultor (graduado pola Academia Brera de Milán) nado en Zagreb, Croacia, no ano 1961; afamado sobre todo polas súas ilustracións de contos para nenos. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios internacionais, de entre os que destacan algúns dos recibidos polo álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais” (2006), como é o caso do “Premio ó libro infantil e xuvenil mellor editado” de 2007, A “Mención de honra do Bologna Ragazzi Award” de 2008 e o “Premio Andersen” en 2008. Outras obras polas que desataca o traballo deste autor son: “A mi manera” (2009) ou “Pequeño gran mundo”(2011), entre outras.



Antón Fortes Torres é un escritor, lingüista e tradutor nado en Sarria, na provincia de Lugo (Galicia) no ano 1957. Estudou Filoloxía Hispánica, Románica e Galego- Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente realizou tamén estudos de lingua e literatura na Universidade Paul Valéry, ubicada en Montpellier (Francia) e nas Facultades de Letras de Lisboa e Coimbra, ambas en Portugal.

Durante a súa carreira ten realizado distintas obras das que destacan: en poesía, “Figuras masculinas de meio-corpo” (1997), pola cal gañou en 2001 o “Premio Legais”; en literatura infanto-xuvenil, “Fume” (2008) e “Á sombra dos anacardios” (2010); de obras colectivas, “O segredo da Lanterna Verde” (2009).


A principal motivación que nos levou a seleccionar esta obra foi porque consideramos que coa mesma pódese facer un primeiro achegamento a diversas obras pictóricas de grandes xenios da historia da arte, dun xeito moi lúdico que fomente a creación dun crecente sentimento de valoración e de interese por este tipo de arte.

Con esta obra pretendemos facer unha ligazón entre diferentes tipos de expresións artísticas, neste caso entre a pintura e a literatura, ademais de conseguir potenciar a curiosidade dos rapaces e rapazas á hora de descubrir as obras orixinais nas que se inspira Junakovic para a súa introducción no mundo artístico, así como mostrarlles e contarlles as historias que se esconden detrás deles.

A través deste álbum ilustrado trataremos de introducir aos máis pequenos e pequenas nunha das expresións plásticas por excelencia, o retrato. Antigamente non existían cámaras e a forma de plasmar e que perdurase no tempo a imaxe dunha persoa era a partir da pintura (entre outras artes). Como tódalas imaxes, os retratos cóntannos historias; achégannos información, como por exemplo como era a vestimenta ou que obxectos se empregaban na vida diaria en épocas pasadas.




Webgrafía:
http://svjetlanjunakovic.com/index.php?x=about, Recuperado o 23 de abril de 2014.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura