jueves, 22 de mayo de 2014

A nosa clase é o pazo da Cincenta!

Nesta publicación engadimos unha serie de actividades para traballar nas aulas de infantil o conto da Cincenta. Consideramos que esta obra ambientada nos anos 20 é unha nova forma de ver o clásico conto ó que estamos acostumados. Por este motivo, deseñamos unhas actividades de carácter lúdico para coñecer un pouco máis o característico desta nova obra que moita xente non coñece.
Os contos tradicionais non soamente axudan a medrar a nivel literario e lingüístico, senón tamén de forma artística. Nesta edición que eliximos, preséntanse unhas imaxes de excelente calidade. Por este motivo prestaremos especial atención a esta manifestación artística.
Ademais de permitirnos traballar a creatividade,a imaxinación ou a fantasía, tamén é un bo recurso para traballar certos valores que son de gran importancia na nosa sociedade. Entre eles o compañeirismo, o respecto, a amizade, a diversidade, as desigualdades, etc. Permitindo traballar tamén en moitos momentos certas emocións e sentimentos, como os celos ou o amor.

Os obxectivos que pretendemos acadar coa realización das diferentes actividades son:
-        Valorar as diferentes creacións dos compañeiros e as propias.
-        Coñecer os diferentes valores que están presentes na obra.
-        Traballar os valores positivos para aprender a vivir en sociedade.
-        Coñecer diferentes técnicas artísticas.
-        Desenvolver a imaxinación e a creatividade artística.
-        Coñecer diferentes formas de representacións.
-        Empregar o debuxo como medio para expresarse.
-        Observar diferentes obras pictóricas baseadas no mesmo conto.
-        Acercarse á obra como unha forma de expresión artística.
-        Dramatizar o conto tradicional.
-        Desenvolver as capacidades artísticas.

As actividades están deseñadas para que sexan realizadas en tres semanas, cada día empregaremos dúas horas aproximadamente. Seremos conscientes de que algún día ese tempo poderase ver modificado, en función das necesidades que poidan xurdir. Estas están dirixidas para nenos e nenas de 4 e 5 anos.

Os agrupamentos serán de todo tipo, tanto en gran grupo (asemblea e obra de teatro), pequenos grupos (realización de disfraces, recanto e conto) e individual (o cadro).
A continuación pasamos a describir as actividades deseñadas:

Actividade 1: Érase unha vez …


Esta primeira actividade consiste na narración do conto da Cincenta durante o tempo da asemblea. Unha vez rematada a historia comezaremos a falar sobre o conto, aquí os nenos e nenas darán a súa opinión e comezaremos a introducir as posteriores actividades.
Tamén preguntaremos:
-        Coñeciades este conto?
-        E os debuxos do conto que vós coñecedes son iguais ca estes?
-        En qué se diferencian?
-        Cal vos gusta máis? Por qué?


Actividade 2: Taller de disfraces e complementos

A seguinte actividade consistirá en realizar disfraces para caracterizarnos dos diferentes personaxes da historia. Para iso empregaremos o seguinte material:
-        Bolsas de plástico de diferentes cores
-        Tesoiras
-        Pegamento
-        Cartolinas
-        Pau
-        Palla
-        Teas
-        Papel de seda
-        Grampadora
-        Lá
-        Cartón
-        Rotuladores
-        Plastilina

Para comezar faremos as diferentes vestimentas dos personaxes coas bolsas de plástico, as cales iremos recortando segundo a forma que lle queiramos dar e cunha grampadora fixando os complementos.

 

Faremos a coroa da fada madriña, gorro para os cocheiros e pamelas para as mulleres, todas elas con cartolinas e cartóns.












Tamén faremos diferentes disfraces de ratos, lagartos, unha cabaza, unha vasoira e un reloxo. Para eles empregaremos bolsas de cores, paus, palla, cartóns e plastilina.


Os zapatos farémolos cunha tela á que botaremos brillantina, esta tela recubrirá os zapatos da nena que represente á Cincenta.


A carroza farémola con cartón e decorarémola por fora con pintura.




Actividade 3: ¡Facemos teatro!

Esta actividade consistirá en representar a obra da Cincenta adaptada á idade dos nenos e nenas, empregando os materiais que elaboramos na actividade anterior.
Cada neno/a será un personaxe e terá que caracterizarse e comportarse como tal. Á obra estarán invitadas as familias que poderán gozar desta magnífica interpretación.


Actividade 4: A nosa Cincenta particular

Para realizar esta actividade necesitamos os seguintes materiais:
-        Lenzos
-        Pinturas
-        Pinceis
-        Vasos
-        Auga
-        Paleta

Nesta ocasión seremos artistas deixando voar a imaxinación e creatividade dos nenos e nenas. Cada un/unha  pintará a súa Cincenta particular, caracterizándoa do xeito que a eles lles gustaría que fose. Nalgúns casos será moi similar á que coñecemos, pero noutros os nenos e nenas pode que queiran modificar algunha característica da protagonista. Ademais de debuxar á protagonista poden  recrear o ambiente que a eles lles guste máis.
Esta actividade considerámola esencial e moi importante para interpretar o que máis lles gustou do conto.

 




Actividade 5: O recanto fantástico

Consideramos moi importante a actividade lúdica nestas idades, por iso queremos que na aula estea presente un lugar para poder xogar, experimentar e facer moitas actividades relacionadas coa Cincenta.
Para iso habilitaremos un recanto no que haberá materiais como:
-        Disfraces
-        Variñas máxicas
-        Xoias
-        Zapatos
-        Trapos
-        Instrumentos musicais
-        Etc.
A entrada a dito recanto será a fachada do pazo do príncipe, o cal realizaremos con cartón e pinturas.




Actividade 6: O noso conto 

Para rematar coas actividades elaboraremos o noso propio conto, o cal iremos ilustrando.
Para comezar, a mestra collerá un papel e bolígrafo para ir recollendo tódalas aportacións realizadas polo alumnado. Estes irán narrando unha historia que terá como protagonista a Cincenta, pero que modificará a acción orixinal do conto. Posteriormente a mestra repartirá cada escena a un alumno/a para que a debuxe como a el lle guste máis.
Os debuxos serán feitos con diferentes técnicas, dende un debuxo con lapis e cores de madeira ata o emprego das témperas e as mans para realizar o castelo.
Para finalizar encadernarase o conto, o cal quedará como outra obra máis que formará parte da biblioteca de aula.




Para concluír dicir que consideramos que as actividades lograrán que os máis pequenos gocen realizándoas e esperten o seu interese polas diferentes manifestacións artísticas. Ademais traballaremos a súa imaxinación e creatividade, sendo estes factores esenciais para o seu futuro.
Estas actividades son ideais para traballar en infantil, e ademais permiten traballar moitos aspectos importantes, non soamente a arte.


                                                                               Arias López, María
                                                                   Castiñeira López, María José

                                                          Díaz Armesto, Goretti

miércoles, 21 de mayo de 2014

Somos uns xenios dos retratos

Neste post presentámosvos a nosa proposta didáctica para traballar nas aulas de Educación Infantil o álbum ilustrado “Gran libro dos retratos de animais”. Como xa puidestes ler, as motivacións que nos levaron a traballar esta obra foron as posibilidades que nos brindaba para poder facer un achegamento ás diferentes obras pictóricas de grandes artistas, dun xeito ameno e favorecedor da capacidade de expresión dos sentimentos estéticos.

Os principais obxectivos que se pretenden acadar mediante a realización desta proposta de actividades son:
  • Apreciar as diferentes manifestacións artísticas.
  • Fomentar a curiosidade dos nenos e nenas polas diferentes formas de expresión, principalmente pola artística.
  • Coñecer diferentes obras ao longo da historia da arte.
  • Empregar e valorar o debuxo como medio de expresión.
  • Desenvolver a sensibilidade estética.
  • Coñecer e apreciar o retrato como forma de expresión plástica.
  • Comprender a importancia do retrato na antigüidade, antes da existencia das cámaras fotográficas.

No tocante á proposta de actividades que dende aquí queremos compartir, está formulada para ser levada a cabo nunha aula de 5 anos de Educación Infantil, ao longo de seis sesións, das cales unha será posta en práctica no exterior do centro escolar. No referente ás formas de agrupación do alumnado durante as diferentes actividades esta será variable, polo que consideramos mellor especificala no momento no que se está a explicar cada unha delas, pero aclarando xa dende aquí que pretendemos promover en todas e cada unha delas o traballo colaborador entre o alumnado como elemento socializador e do desenvolvemento dunha actitude democrática deste cara os seus iguais.

As sesións de traballo formuladas son as que se presentan a continuación:
  • Primeira sesión.- Nesta xornada introdutoria da temática reunirase a todo o alumnado da clase nunha asemblea entorno á cal o mestre ou mestra lles lerá o texto da obra, á par que lles ensina as ilustracións que nela aparecen reflectidas. Despois deste primeiro achegamento faráselles un cuestionario sobre diversos aspectos que puideron observar na obra e, para o cal, algunhas das preguntas que se poden empregar son:
    • Gustouvos o libro?
    • Que ilustración vos chamou máis a atención e por que?
    • Como credes que fixeron esas ilustracións?
    • Que sentiches ao ver cada unha das ilustracións?
    • Etc.

Despois do cuestionario daráselle ao alumnado unha noción básica do que son os retratos e a importancia que tiñan estes na antigüidade antes de que se inventaran as cámaras fotográficas; ensinándolles tamén os cadros orixinais que inspiraron ao autor para facer as ilustracións do libro.

  • Segunda e terceira sesión.- Durante estas sesións intentarase recrear na aula o efecto conseguido coa obra seleccionada, e para o cal pediráselle axuda aos pais e nais do alumnado para aportar diferentes fotografías da súa familia.

Cando xa se teñan recollidas a imaxes das familias, repartiráselle aos nenos e nenas diferentes revistas e publicacións nas que aparezan diversos animais, para que sexan eles e elas de forma individual quen lles recorten as cabezas e logo as peguen sobre as fotografías das súas familias, conformando dese xeito un collaxe similar ao que puideron observar nas imaxes da obra tratada.

  • Cuarta sesión.- Xornada na que se dividirá ao alumnado por parellas, xuntando ao neno ou nena desemparellado con outro grupo de traballo, para logo facilitarlles papeis en branco e diferentes materiais de debuxo como lapis de cores, témperas, rotuladores, carbón, etc., cos que cada un e cada unha elaborará un retrato dos seus compañeiros de grupo; promovendo dese xeito que coñezan as propiedades dos diferentes materiais plásticos ao mesmo tempo que aprenden e interiorizan o esquema corporal do ser humano mediante a observación directa e a súa proxección nun suporte físico coa que mellorarán a súa motricidade fina.

  • Quinta sesión.- Sesión de traballo na que se lle propoñerá ao alumnado a realización dunha actividade con sombras chinesas na que se empregarán as luces e as sombras como material primordial; un material que sempre adoita motivar e fascinar a partes iguais ao alumnado de tan curta idade.

Para a súa posta en práctica dividirase aos compoñentes da clase en grupos de cinco persoas do seguinte xeito: un dos compoñentes manexará un foco, outro fará de modelo, outros dous suxeitarán un papel de gran formato colocado cara a parede e o restante será o encargado de debuxar; papeis que irán rotando para que todos e todas poidan experimentar as diferentes tarefas.

En cando ao seu desenvolvemento este será moi sinxelo, o encargado do foco soamente terá que apuntar coa luz ao modelo, facendo que a súa sombra se proxecte no papel, lugar onde o debuxante terá que marca o perfil deste modelo.

  • Sexta sesión.- Derradeiro día de traballo, unha xornada na que se fará unha saída ao museo de arte máis próximo (previa autorización de asistencia do alumnado por parte dos seus pais e nais). Durante esta visita formaranse un número de grupos de traballo acorde co número de docentes que participen na saída escolar, deste xeito os mestres e mestras participantes guiarán ao alumnado polo interior do museo coa finalidade de que sexan estes e estas quen atopen entre as diversas obras que se atopan expostas aquelas que se caractericen por ser retratos de persoas.


Como actividade para a avaliación do proxecto poderíamos empregar a saída ao museo, posto que dende a chegada ao mesmo lles indicaríamos que foran buscando os diferentes retratos que nel se poidan atopar, valorando deste xeito a correcta integración do concepto de retrato e do seu recoñecemento na súa realidade próxima. Así mesmo, a avaliación da presente proposta será global, continua e formativa, centrándonos non soamente na valoración dos resultados finais, senón que se primará todo o proceso seguido durante o desenvolvemento da mesma.

Esta proposta didáctica resultaría moi interesante para traballar nas aulas de Educación Infantil posto que con ela o alumnado estaría desenvolvendo diferentes capacidades a partires das diversas actividades; unhas actividades que consideramos que son moi motivadoras e entre as que se poden atopar a das collaxes, o traballo con sombras chinesas, etc., que servirán para que o alumnado adquira un alto grao de desenvolvemento da súa sensibilidade estética, conseguindo dese xeito que poidan apreciar mellor a beleza de tódolos elementos presentes no contorno que os rodea durante os seus quefaceres diarios.


Corbelle Blanco, Héctor
Corredoira Ramos, Patricia
Díaz Rodríguez, Pablo
Modia Vázquez, Rocío
Seijas Zamora, Laura

Con Carapuchiña Vermella somos artistas


Á hora de presentar un álbum ilustrado en calquera aula de educación infantil non só debemos centrarnos exclusivamente na súa lectura, senón que podemos ir máis alá, vinculándoo a outras manifestacións artísticas. Neste post presentaremos o noso proxecto didáctico sobre o álbum que escollemos, Caperucita Roja, caracterizado polas ilustracións de Kveta Pacovská. Todas as propostas que pensamos levar a cabo pretenden desenvolver os sentimentos estéticos dos nenos e nenas, capacitándoos para diferenciar entre o que pode resultar atractivo e artístico e o que non. As actividades organizarémolas para levar a cabo en catro de sesións, nunha aula con nenos e nenas de 3 a 4 anos.

Na asamblea presentarémoslle o conto de Caperucita Roja con imaxes demasiado estereotipadas, que pouco deixan voar a imaxinación e a creatividade dos máis pequenos e pequenas, para logo ensinarlle a nova versión ilustrada por Kveta Pacovská. Observarán detidamente as diferentes imaxes á vez que escoitaremos as numerosas ideas dos nenos e nenas, intentando que respondan ás seguintes cuestións que lles plantexariamos:

-          Qué conto vos gustan máis?
-          Qué personaxes vos gustaron máis?
-          Gustouvos a historia?
-          Que lobo vos da máis medo?
-          Cómo credes que están realizadas os debuxos dos personaxes?

De seguido, propoñemos realizar as nosas propias marionetas e decorados para logo representar a historia na aula. Para o decorado do bosque empregaremos uns cartóns arrugados que poden  sacar dalgunha caixa de cartón, unhas cáscaras de ovo, diferentes tapóns de plástico e virutas de madeira ou recortes de papel reciclado. Logo cortaranse unhas tiras de cartón e pegarémolas na base da cartolina onde pintamos un fondo sinxelo con ceo e campo verde.  Na parte da copa das árbores pegaremos as virutas, as cáscaras de ovo e as tapas de plástico.

Como a parte da historia transcorre dentro da casa da avoa sería interesante realizar unha pequena na que presentar a escena.  Para isto utilizaríamos caixas de cartón decoradas por nós mesmos con rotuladores, témperas ou ceras e a cama e o armario da avoa. Unha vez rematados os dous decorados principais poñémonos mans á obra cos personaxes principais, empregando de novo materias de refugallo: teas, rolos de papel, fieltro, cartolinas e cores e témperas para darlles un toque máis persoal.



Na terceira sesión, unha vez que teñamos listos decorados e personaxes representaremos a nosa propia versión do conto citado con anteriodade. Os nenos e nenas resultarán protagonistas desta actividade xa que será eles mesmos quenes guíen e interactúen coas propias creacións.

Posto que as ilustracións de Kveta Pacovská gardan moita similitude coa pintura de vangarda, concretamente expresionista e cubista, pensamos que resultaría interesante e útil achegar aos máis pequenos e pequenas a este tipo de manifestación artística. Para que a actividade resulte verdadeiramente productiva e significativa para eles consideramos apropiado proporcionarlle folios tamaño A4 e témperas ou pintura de dedos para que poidan representar as diferentes escenas da historia coas súas propias mans.


















Para rematar coa última sesión trataremos o tema do collage, técnica que emprega tamén Kveta Pacovská. Ofreceremos ao alumnado recortes de revistas, pegamento, tesoiras, cartolinas tamaño a A4 e teas. Cada neno e nena deberá escoller unha escena do conto que representará a través da técnica do collage. Finalmente recompilaremos todas estas creacións construíndo o noso propio álbum ilustrado.












Para avaliar o noso proxecto didáctico teremos en conta o interese e actitude dos nenos e nenas á hora de realizar as diferentes actividades. Outro xeito de avaliar sería observar se o alumnado se achega a todas aquelas creacións realizadas logo da lectura do conto. Entendemos que se mostran interese por todo o feito é porque resultou unha actividade significativa que espertou o seu interese e motivación.  Consideramos que cumprimos o noso principal obxectivo se espertamos neles curiosidade por este tipo de manifestacións e imaxes, acostumados a que o propio texto resulte máis importante.

Como futuras mestras de Educación Infantil pensamos que é fundamental ofrecer recursos aos nenos e nenas para desenvolver a súa capacidade de imaxinar e crear. Deste xeito, deixamos de lado os libros nos que ten demasiado peso o texto e as imaxes estereotipas para darlle cabida na aula aos álbumes ilustrados.
Como ben dixo Loris Malaguzzi “Los niños tienen 100 maneras de expresarse, pero le robamos 99”. Nós, os adultos debemos de ser conscientes que os álbumes ilustrados poden ser unha ferramente idónea para traballar outras formas de expresarse e de entender o mundo que o rodea.


Blanco Piñeiro, Noelia
Bustelo Novo, Natividad
García Armesto, Fermina
González Devesa, Mónica
Villarino Díaz, Alba


Webgrafía